A oferta pública de emprego de Educación é insuficiente para repoñer todos os postos destruídos

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Só oferta prazas de xubilacións e non restitúe os 1.500 postos de traballado destruídos polos recortes

A deputada e portavoz de educación do BNG, Olalla Rodil recalcou hoxe que educación foi unha das áreas  máis castigados polos recortes e a nova OPE resulta “insuficiente” para repoñer todos os postos de traballo destruídos.

 Trala comparecencia do titular de Educación e Cultura, Román Rodríguez, para informar do inicio do curso escolar,  Rodil afirmou que no marco dunha suposta recuperación económica  o  Goberno español coa “conivencia da Xunta” tomou a decisión de manter  unha taxa de reposición do 100%, ofertando  as prazas  de xubilacións, medida, que segundo a nacionalista  impedirá  que o ensino público galego cubra as necesidades de persoal.

 En Galiza, explicou Rodil,   destruíronse 1.500 postos de traballo, que non van a restituír porque  persisten en manter menos docentes, maior provisionalidade e  peores condicións laborais. Esta OPE, é un acordo global para toda a función pública, “non partiu da realidade do ensino público nin das necesidades en Galiza”.

 Para a deputada, Galiza precisa  de Ofertas Públicas de Emprego amplas, “negociadas polo Goberno galego na mesa sectorial” que permitan recuperar os postos de traballo destruídos pero tamén para xerar  maior estabilidade laboral entre o profesorado interino especialmente o de maior idade.

 Urxe ademais  recuperar os dereitos laborais roubados aos cadros docentes durante a crise económica: “recuperación salarial, redución do horario lectivo que vostedes incrementaron, redución das ratios de estudantes por aula para conseguirmos un ensino público de maior calidade, unha atención específica e sobre todo cos recursos necesarios para atender o estudantado con necesidades educativas especiais”.

O GOBERNO BENEFICIA A ESCOLA PRIVADO-CONCERTADA

Os Orzamentos da Xunta, criticou  a deputada,  “continúan cebando a privada concertada” con 269 millóns para 2018. Un incremento de diñeiro público que non cesa desde 2015, o 12% máis e  incluíndo o financiamento público aos centros que discriminan o alumnado por sexo. Vostedes, remarcou dirixíndose a Román Rodríguez,  “financian a segregación e o  sexismo cos cartos de todos e  vulneran o Plan de Igualdade que o seu Goberno subscribiu para o ensino público”.

 Fondos públicos que son o sustento das empresas que dirixen estes centros. O INE publicou a pasada semana un estudo sobre a porcentaxe de diñeiro público no financiamento da escola privado-concertada que representa en  Galiza o 60,5% dos ingresos totais destas empresas , “6 puntos por riba da media española 54%”.

 “Nas partidas dirixidas ao ensino privado-concertado duplican vostedes os fondos para aumentar o “dominio de linguas estranxeiras entre o alumnado no marco do seu Plan de potenciación das linguas estranxeiras. Un Plan no que desde 2010 invisten máis de 170 millóns de euros”.

SEGUE SEN SER AVALIADA A AMPLIACIÓN DO INGLES NO ENSINO INFANTIL

Ampliaron a introdución do inglés ao Ensino Infantil nun país no que a presenza da lingua galega como lingua inicial das crianzas é absolutamente residual. Apenas o “18% declaran aprender a falar no noso idioma”.

 Veñen aquí, vomitan números de centros e de estudantes plurilingües, apenas hai que ter unha materia non lingüística en inglés para recibir tal consideración, mais non hai nin un só informe de avaliación. Nin un. E cando este grupo parlamentar os pediu votaron en contra. Que teñen que agochar? preguntou.

O plurilingüísimo concíbese e constrúese desde o respecto máis absoluto á diversidade lingüística e partindo do idioma propio e minorado, “non en contra deste” . O  inglés foi usado como cabalo de Troia para restar espazos ao galego despois de que o Partido Popular decidise xirar o seu discurso e erguer a bandeira de “la imposición del gallego” nas eleccións de 2009, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG