Obxectivos para o novo curso político: “Defender Galiza en Madrid e un cambio de ciclo contra as políticas fracasadas de Feixóo”

Ana Pontón
Ana Pontón
Afirma que un novo proceso electoral será a oportunidade para que Galiza conte “cunha voz propia” da man do BNG en Madrid
Obxectivos para o novo curso político: “Defender Galiza en Madrid e un cambio de ciclo contra as políticas fracasadas de Feixóo”
Ante o inicio do novo curso político, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón anunciou os dous obxectivos prioritarios para a forza nacionalista: “Poñer en marcha unha ofensiva para defender os intereses de Galiza ante Madrid e seguir sumando no BNG cara un novo proxecto de país para abrir unha nova etapa que deixe atrás un goberno de Feixóo fracasado, que é un lastre” e que nos está deixando, afirmou, “unha Galiza-Bonsai”. Unha Galiza “con menos peso político, cunha crise demográfica galopante, precariedade laboral, crise industrial e servizos públicos deteriorados e privatizados”.

Si hoxe, dixo Galiza está desaparecida do debate do estado é responsabilidade directa dun Partido popular, un Partido socialista e dun Podemos que non defenden os intereses dos galegos e galegas en Madrid porque só están preocupados por defender as decisións das súas direccións madrileñas.

ELECCIÓNS XERAIS, NOVA OPORTUNIDADE PARA QUE GALIZA CONTE CUNHA VOZ PROPIA EN MADRID DA MAN DO BNG

A ausencia dunha voz que defenda Galiza en Madrid, ten consecuencias como que non sexa transferida a AP-9 e nos “sigan sableando con peaxes abusivas”, pensións máis baixas do estado, miles de empregos en risco e sen alternativas nas empresas electrointensivas, un modelo de financiamento inxusto que nos fai perder recursos, porque os famosos 700 millóns de euros resultan “unha anécdota” si os comparamos co que nos debe o Estado. Somos os últimos da fila á hora de modernizar o noso ferrocarril e para o BNG, manifestou, resulta “indignante” que ningún deputado ou deputada galega en Madrid condicione a investidura e poña sobre a mesa solucións aos nosos problemas.

Para Pontón as mensaxes das forzas estatais son claras, “os galegos e galegas ou nos facemos valer ou non avanzaremos”. Neste sentido, considerou que de celebrarse un novo proceso electoral, Galiza ten unha oportunidade para “ter unha voz propia que defenda os nosos intereses e remate coa discriminación e esa voz irá da man do BNG”, recalcou.

FEIXÓO É PASADO E CON POLÍTICAS FRACASADAS

Pontón, tras acusar ao goberno de Feixóo de estar de “vacacións e relax en agosto” anunciou que o BNG abrirá o debate para avanzar na transferencia da AP-9, poñer en marcha a saída de ENCE da ría de Pontevedra, un cambio de financiamento para Galiza e reforzar o sistema financeiro coa creación dunha banca pública despois da “desfeita de Feixóo coas Caixas de Aforros”. Ademais precisou que necesitamos un plan de mellorar do ferrocarril, acabar coa pobreza enerxética, nun país que exporta enerxía. Pontón sumou a todas estas reivindicacións “unha axenda galega de transferencias para incrementar o autogoberno”.

O BNG É A ALTERNATIVA A UN FEIXÓO QUE REPRESENTA O PASADO

Dende o BNG, reiterou Pontón seguiremos traballando por un “cambio de ciclo político en Galiza que deixe atrás o centralismo e as políticas fracasadas e nocivas do Partido popular” porque “Feixóo é o presidente do paro, da precarización da sanidade, dos ataques a nosa lingua e a submisión a Madrid”.

“O BNG é a alternativa a un Feixóo que representa o pasado”, concluíu.