Nunha pregunta do BNG, o goberno da Xunta recoñece que non cumpre a Lei de Transparencia

Luís Bará en Comisión
Luís Bará en Comisión

Luís Bará denuncia ocultación “sistemática” de información e falta de seguimento do Goberno sobre o grao de cumprimento dos acordos parlamentarios

A través dunha pregunta parlamentaria formulada polo deputado do BNG, Luís Bará, o goberno recoñece que non cumpre a Lei de Transparencia e que proximamente remitirá un informe coa documentación e información solicitada polo BNG e  sobre o cumprimento dos acordos parlamentarios

Bará lembrou que o Goberno está obrigado pola Lei de Transparencia de   remitir a información e documentación requirida pero de “maneira sistemática”, denunciou o nacionalista, “o goberno  oculta  información”. No caso dos convenios menores, dixo,  moitos  non se publican e existe un gran número asinado con concellos do Partido popular, o que ao seu entender, constata o interese do Goberno galego en contratos con entidades locais “da súa mesma cor política”.

Por outra parte, a Lei de Transparencia tamén implica  a publicación de todos os acordos parlamentarios e un informe sobre o seu grao de cumprimento. Dende o inicio da lexislatura, no último trimestre do ano 2016, explicou o nacionalista, “aínda non se publicou ningún destes informes”. Pola súa parte, a directora xeral de Relacións Institucionais e parlamentarias  Blanca García-Señoráns Álvarez, comprometeuse a enviar ao Parlamento nos vindeiros días un informe tras recoñecer “o retraso considerable” na súa publicación.

Bará recalcou que máis de  dous centos oitenta acordos están sen cumprir, e polo momento  “nin a Xunta nin o Goberno do Estado tomaron as medidas oportunas” polo que anunciou que o BNG agardará pola publicación do informe e de non ser remitido nos vindeiro días, presentará novas iniciativas para exixir “o cumprimento da normativa” sobre a remisión de información e grao de  cumprimento dos acordos parlamentarios.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG