O novo menosprezo de Rajoy e Pastor á transferencia da AP-9 merece unha resposta unánime do Parlamento

Cargos institucionais do BNG pola transferencia da AP-9
Cargos institucionais do BNG pola transferencia da AP-9

Ana Pontón pide unha reunión urxente da xunta de portavoces. Esixe a Feijóo que encabece esa reposta política conxunta e evite seguir facendo “o ridículo”,

Consumado o segundo veto do Goberno central e do Congreso ao debate da Lei de transferencia da AP9, o BNG solicita a reunión urxente da Xunta de Portavoces para dar unha resposta unánime de todos os grupos políticos ante o que a portavoz nacional, Ana Pontón, tildou de “desprezo” a todos os galegos e galegas, resposta que debería encabezar o presidente Feijóo que, dixo, “está facendo o ridículo”.

“Rajoy e Pastor, -pontevedreses ambos e a segunda deputada electa por Galiza-, veñen de consumar un desprezo a todos os galegos e galegas nun acto antidemocrático como é denegar o debate para conseguir unha AP9 galega e libre da estafa das abusivas peaxes”, salientou Pontón nada máis recibir o escrito asinado por Ana Pastor como presidenta da Cámara baixa.

Nese escrito,  por segunda vez, a Mesa do Congreso declara “que non procede a toma en consideración polo Pleno” do texto remitido polo Parlamento galego. “Nin sequera iso, a toma en consideración”, denuncia a portavoz nacionalista.

Pontón avanza que o Bloque “non vai tirar a toalla” nin dar este asunto por pechado e seguirá loitando para acadar a xestión directa da AP9 como primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes, que soportan cada día unha media de 20.000 galegos e galegas, cun custe de 360.000 euros, nun país cos segundos salarios máis baixos do Estado.

Neste sentido, anuncia a solicitude de reunión urxente da Xunta de Portavoces para consensuar unha “resposta política unánime de todas as forzas galegas que free este auténtico atropelo democrático”, resposta que debe liderar o xefe do Executivo: “Ten que facelo para evitar o ridículo destes últimos tempos e poñerlle fin ao menosprezo que Pastor e Rajoy lle están facendo a todos os galegos e galegas”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG