Galegas 2020

"Unha nova Galiza", lema de campaña do BNG para simbolizar o cambio galego que Pontón aspira a liderar tras o 12X

Ana Pontón
Ana Pontón

Contraproposta do Bloque ao PP: dez días de campaña con debate a dobre volta, neutralidade e máis espazo informativo nos medios públicos e mailing conxunto

“Que sentido ten que nun telexornal dunha hora haxa só cinco para informar das eleccións con 28” para o BNG, que se pode explicar neste tempo?”, alega Pontón

Convencida de que o cambio real é imparable se hai unha gran mobilización social

Unha Nova GalizA é o lema de campaña do BNG de cara a cita do 12X que sintetiza o cambio galego para abrir un tempo novo que a formación nacionalista quere liderar, recalcando graficamente “o A da Galiza viva, moderna, próspera, xusta, feminista e de o A de presidenta”, en palabras da portavoz nacional e candidata, Ana Pontón.

“Para que non caiban dúbidas: quero ser a presidenta dun goberno que poña en marcha o cambio real que Galiza necesita e estou totalmente convencida de que se todas as persoas que queremos un cambio real, un cambio galego, un cambio para abrir un tempo novo, se todas esas persoas nos mobilizamos, ese cambio galego non só é posible senón que é imparable. E podemos conseguilo este 12 de xullo da man do BNG”, salientou.

Na presentación do lema, a líder nacionalista explicou as bases desa nova Galiza que o Bloque quere construír: “unha nova Galiza que confía en si mesma, na súa xente e nas súas capacidades e potencial para levar adiante a reconstrución económica e social; unha nova Galiza que aspira a que o país se goberne desde aquí, acabou o tempo de que a última palabra a teñan nos despachos madrileños. Os galegos e galegas queren unha Galiza gobernada desde Galiza, e unha nova Galiza cun goberno forte e leal que defenda o país e a súa xente sen complexos e sen ataduras”, sintetizou.

Pontón aproveitou a comparecencia para explicar que o BNG está redifinindo os actos electorais asumindo as medidas de seguridade sanitaria, desde a reflexión de que unha campaña ten como fin fomentar a participación e o debate político e, desde esta perspectiva, lanza unha contraproposta ao PP.

“Non se trata de quen suma máis actos ou que fai máis mitins, as campañas electorais teñen un dobre obxectivo esencial en democracia: incentivar a participación masiva da cidadanía porque se trata, nada menos, que de elixir ao seus representantes para catro anos e favorecer o debate e o contraste de ideas dando a coñecer as propostas e alternativas políticas coas que nos presentamos as persoas que aspiramos a Gobernar este país”. E, para iso, o papel dos medios de comunicación públicos é fundamental, máxime no actual contexto post coronavirus.

Con esa reflexión previa o BNG lanza unha contraproposta ao PP que consiste nunha campaña de dez días sempre que se asuman unha serie de condicións en aras de incentivar a participación da cidadanía e o contraste político.

Primeiro requisito, debate a dobre volta na TVG en horario de máxima audiencia entre os candidatos e candidatas á Presidencia das principais forzas; segundo, solicitar á TVG un plan de cobertura no que o tempo adicado a informar da campaña sexa acorde á importancia dun proceso electoral e permita á cidadanía coñecer as alternativas políticas; terceiro, neutralidade dos medios públicos, -empezando por finalizar a emisión dos mitins encubertos do candidato do PP-, e incluíndo entrevistas as persoas que aspirar á Presidencia da Xunta.

A modo de exemplo do papel dos medios públicos, Pontón puxo como referencia o plan de cobertura da TVG do 5A, no que se adicaba cinco minutos á cobertura de campaña dentro dun telexornal que dura case unha hora. Ese mesmo plan adxudicáballe ao BNG 28 segundos. “Que se pode explicar en 28 segundos? Por que esa racanería á hora de informar das eleccións nas que os galegos e as galegas se xogan tanto, 28 segundos nun telexornal que dura case unha hora”, argumentou Pontón. De aí a proposta de incrementar o tempo adicado a cobertura das eleccións nos medios públicos.

Aforro de cartos públicos no envío das papeletas

Finalmente, como cuarto elemento da contraproposta, mailing conxunto de todos os partidos porque suporía un considerable aforro de recursos públicos “que estou segura sería moi ben valorado pola cidadanía. Fixemos esa proposta fai unha semana, pero non obtivemos ningunha resposta por parte do PP e pregúntome se o candidato Feixóo quere aforrar cartos públicos apoiando o envío conxunto das papeletas as casas dos e das galegas, si ou non?”, interpelou.

En definitiva, concluíu Pontón, “esta é a contraproposta que desde o BNG facemos ao PP: dez días de campaña ligados a un debate a dobre volta na TVG en horario de máxima audiencia, maior implicación dos medios públicos na cobertura informativa das eleccións garantindo a neutralidade, e envío conxunto das papeletas de todos os partidos por correo porque iso suporía un aforro importante nun momento no que cada euro conta”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG