O noso orgullo, a nosa loita

O camiño cara a unha sociedade libre e xusta está cheo de loitas, nas que o orgullo de sermos quen somos é a nosa mellor arma para vencer. Os nosos corpos disidentes son continuos campos de batalla nos que erguemos a bandeira da diversidade fronte á discriminación, a norma que nos exclúe, as etiquetas e a intolerancia que nos mata. Confrontamos os estereotipos (estruturas mentais construídas socialmente e que fixan os patróns do considerado 'normal') porque nos limitan no canto de nos definir. Impiden que exploremos por nós propi@s e impóñennos unha identidade que encaixe, mais que non ten por que ser a nosa.

Desde o BNG e Galiza Nova reivindicamos a diversidade para, con orgullo e loita, defendermos a liberdade sexual como dereito inalienábel de todas as persoas. E é que, lonxe de térmolo conquerido, as persoas LGTBi continuamos a padecer situacións de discriminación no ámbito privado e público. Sirva de exemplo, a sentenza do Tribunal de Xustiza Europeo que avalou a exclusión das persoas homosexuais das doazóns de sangue. Un feito que estigmatiza e criminaliza o colectivo desde as máis altas instancias públicas.

Non son os mellores tempos para vivir e reivindicar unha sexualidade libre. Os dereitos conseguidos nos últimos anos vense ameazados na Galiza polo PP, que vai da man de asociacións antiabortistas, a igrexa católica e de quen defende unha sexualidade e modelo de familia considerados tradicionais, e que coas súas lexislacións tentan impornos a súa ideoloxía.

Por iso, reivindicamos unha aposta clara no educativo e a penalización dos discursos da dereita, discriminadores e criminalizadores das persoas LGTBI, como os que a diario se cospen desde os altofalantes mediáticos, púlpitos e micrófonos do PP.

Son múltiples as barreiras no camiño cara á unha sexualidade que sexa, por riba de todo, libre e gozosa, mais urxe derrubalas. Sentímonos orgullos@s de sermos lésbicas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais. De nos reivindicarmos á marxe da norma que nos discrimina, e ao tempo, de loitarmos para derrubar esa norma e erguer unha nova sociedade: a Galiza libre, diversa e tolerante.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG