Galegas 2016

Non chega con derrotar a Feijóo, hai que mudar o marco político e temos a man tendida para abrir un tempo novo

Ana Pontón no Consello Nacional
Ana Pontón no Consello Nacional
  • Financiamento propio e fiscalidade plena para ter o control do 100% dos recursos, clave dunha proposta de goberno que confía no potencial do país sen tutelas nen dependencias de Madrid

Santiago de Compostela, 27 de Agosto 2016.- A candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, definiu o programa electoral aprobado polo Consello Nacional como “un proxecto de país ambicioso baseado no aproveitamento de todo o noso potencial para crear riqueza, emprego e benestar. Un programa de goberno para abrir un tempo novo e construír unha Galiza mellor, do emprego, da igualdade e da solidariedade”.

“Poder vivir e traballar dignamente neste país. Niso consiste o programa electoral do BNG para o 25S”

O proxecto de país co que o Bloque se presenta ás eleccións parte da idea de que a derrota de Feijóo non chega. É imprescindible mudar o marco político apostando polo exercicio dun “autogoberno real” libre de tutelas e sucursalismos.

“O BNG non se conforma con derrotar a Feijoo porque iso por sí só non resolve os problemas do país. Queremos mudar un marco político totalmente ineficaz e abrir un tempo novo para construír unha Galiza mellor con emprego e benestar social para tod@s”, explicou Pontón.

“Desde o BNG tendemos a man para abrir ese tempo novo”, recalcou, porque “non basta con ser xestores do desastre, nin con parches ou cambios cosméticos. Hai que rachar coa dependencia de Madrid e avanzar nun novo marco político capaz de garantir emprego e benestar”, recalcou.

Para iso, hai que ter un proxecto solvente, experiencia e capacidade pero tamén, subliñou, “valentía para impulsar os cambios que necesita esta país”. Neste sentido, e dentro desa aposta por mudar o marco político, Pontón deixou claro que as leis “non poden ser un corsé que impidan mellorar a vida das persoas”.

Autogoberno real, confianza no país e tomar o control do 100% dos recursos propios, son os piares nos que se sustenta a proposta de goberno nacionalista, coas prioridades de crear emprego e blindar os servizos públicos e o benestar social.

Máis recursos, máis benestar

Neste sentido, o programa electoral recolle para Galiza un modelo de financiamento propio con plena capacidade fiscal que permita xestionar e recadar a totalidae dos impostos a través dunha Facenda galega. “Conseguiríamos máis recursos e autonomía total para decidir como investilos coa prioridade de crear emprego, financiar os servizos públicos e o benestar social”, explicou Pontón.

Igualmente, competencias plenas para deseñar e aplicar unha politica de promoción económica e de emprego que conveña aos sectores produtivos, “para poñer o país a producir e xerar postos de traballo, aproveitando todo o noso inmenso potencial”. Ademais de exercer en exclusiva a planificación e a xestión dos servizos públicos ligados ao benestar.

Impulsar en todos os ámbitos os sinais de identidade como nación e como pobo, - lingua, cultura, patrimonio, o medio natural-, forma parte tamén dos principios do programa electoral do Bloque.

Plan Retorna e rescate de servizos públicos

O BNG inicia agora unha campaña de difusión e explicación das súas propostas de goberno, aínda que a candidata enumerou algunha das medidas máis importantes do programa, priorizando emprego e benestar social.

En materia de emprego, posta en marcha inmediata do Plan Retorna para favorecer a volta ao país da mocidade emigrada, especialmente da máis formada, como os e as investigadores, cunha liña específica para financiar a contratación de traballadores e traballadoras retornados.

En materia de benestar social, plan de choque para rescate e mellora dos servizos públicos: redución de listas de espera, supresión dos repagamentos sanitarios, gratuidade dos libros de texto, incremento dos recursos humanos e materiais na sanidade e no ensino público.

Creación dunha banca pública galega que garanta a xestión do noso aforro e o crédito a familias e empresas. Como primeiro paso desta estratexia, creación dun Instituto Galego de Crédito e Investimento.

Outra medida concreta en termos económicos, duplicar o investimento en I+D+i apostando pola biotecnoloxía, robótica, tecnoloxías de transformación alimentarias e da información e xestión dos nosos recursos enerxéticos coa implantación dunha tarifa eléctrica galega, aproveitando a nosa condición de produtores en beneficio de familias e empresas.

No ámbito da igualdade, proponse unha Lei de coeducación nos centros de ensino, e medidas efectivas para garantir a máxima de “igual traballo igual salario”, e “combate sen tregua” contra a violencia machista creando o Estatuto de Vítima do Feminicidio.

Aposta clara por recuperar falantes de galego con políticas reais de normalización lingüística, apoio a cultur e á creatividade galega como instrumento de expresión e cohesión social e motor de dinamización económica.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG