Noa Presas: “A Xunta abandona o concello da Rúa en período máximo risco de incendios”

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas acusa á Xunta de “facer mercadeo político” coas motobombas favorecendo “concellos amigos” e de incumprir o acordo de maio de 2018 de dotar ao Concello da Rúa dunha motobomba que leva anos solicitando e aínda non ten.

Noa Presas: “A Xunta abandona o concello da Rúa en período máximo risco de incendios”

Noa Presas, deputada do BNG no Parlamento Galego preguntou esta mañá No Parlamento Galego a Tomás Fernández Couto, Director Xeral de Montes incumprindo o acordo unánime do 26 de maio de 2018. Para Presas “é unha irresponsabilidade e un escándalo que tendo comezado o período de alto risco de incendios o segundo concello en poboación de Valdeorras non teña un instrumento básico para enfrontar os lumes polo sectarismo da Xunta de Galiza”.

Presas acusou a Fernández Couto de “mentir descaradamente ao dicir que A Rúa rexeitou unha motobomba en condicións, o que se ofrecía era unha de máis de 20 anos que había que reparar para substituír unha de case 20 anos que se danou nun incendio” e acusou ao goberno do Partido Popular de “actuar con sectarismo político, en lugar de criterios obxectivos miran quen é un goberno amigo no lugar de poñer os recursos contra o lume por riba de intereses, saben que a colaboración do BNG foi total no goberno e serao agora, esperamos que agora cumpran co comprometido e non entendemos porque empezado o alto risco non hai unha motobomba na Rúa”.

Sectarismo político do PP

Ademais, Presas recordou “a vergonza de que durante anos tiveron unha motobomba abandonada na base de Vilanova no lugar de arranxala para os concellos” e recriminou á Xunta que “non aprenderon nada de que na vaga de lumes de 2017 de máis de 60.000ha ardidas a metade fora en Ourense, confíanse porque 2018 foi un bo verán pero todos os expertos alertan de que este será seco e quente e iso é letal para as comarcas de Ourense e para Valdeorras, complexo do punto de vista territorial” e recordoulle que “é unha vergonza como teñen Ourense con concellos abandonados pola súa cor política, como o de Baños de Molgas ou A Mezquita, cuxos alcaldes tiveron que reparar motobombas en desuso para sobrevivir á vaga do 17”.

A deputada reclamou que se incremente a dotación de motobombas “pois o propio Pladiga evidencia que desde 2016 non se renovou ningunha mediante cesión en propiedade e apenas se renovaron 11 do parque de motobombas do SPDCIF o cal é un escándalo tendo en conta a incidencia dos lumes forestais e as demandas dos concellos dunha ferramenta que é básica, non un luxo”.