Noa Presas urxe a Xunta a facer efectivos os acordos parlamentarios para garantir o futuro de Alcoa

Noa Presas
Noa Presas
Noa Presas urxe a Xunta a facer efectivos os acordos parlamentarios para garantir o futuro de Alcoa

A portavoz de Economía e Industria, Noa Presas, levou ao Parlamento a situación de ALCOA instando ao Goberno de Feixóo a poñer solucións sobre a mesa, porque o tempo corre desde o anuncio do peche, e non están a desenvolver os acordos pactados por todas as forzas políticas na Cámara galega nunha declaración institucional aprobada por unanimidade.

Para empezar, Presas reclamou a creación dunha comisión plural de negociación, marco que tamén permita manter a unidade de acción de cara a defender a continuidade da produción e do emprego na Coruña. En segundo lugar, lograr a retirada do ERE de extinción pero, se a multinacional persiste, tomar medidas para garantir que a fábrica vai seguir funcionando con ou sen ALCOA nacionalizando a factoría.

Tamén urxente, mudar o sector enerxético en base a tres criterios. “Conseguir un marco estable e competitivo para as industrias electrointensivas que, a través dunha tarifa industrial similar a que existe nos países do noso entorno, permita competir en igualdade de condicións. No caso de Galiza esa tarifa debe quedar exenta das peaxes para compensar os custes sociais e ambientais de ser produtores netos de electricidade e, finalmente, as empresas beneficiarias desa tarifa deben garantir o emprego, a modernización das instalacións e contar con plans industriais”, explicou Presas.

“É inadmisible que nunha Galiza que produce de media un 35% máis do que precisa, que produce electricidade para a industria doutros puntos do Estado, teñamos unha empresa que ameaza de peche cun comunicado no que sitúa como meirande problema o prezo da electricidade”, criticou a deputada do Bloque.

Presas criticou a resposta do conselleiro de Industria, Francisco Conde, pola súa falta de concreción e máis preocupado por buscar culpables que por dar solucións. “É incrible que teñamos 400 empregos en perigo hoxe, quizais mañá máis, polo prezo da enerxía, e é igual de incrible e de indignante que o Goberno galego non teña a valentía de defender propostas para reducir a factura eléctrica e garantir un marco estábel e competitivo para a industria galega”, concluíu.