Noa Presas tacha de “simulacro” e autocomplacente o plan estratéxico 2015-2020 de Facenda

Noa Presas
Noa Presas

A deputada do BNG afea a comparecencia de Valeriano Martínez e acúsao de “vender un plan” que non aborda “con valentía medidas contra  o desemprego e impulso á innovación

Trala comparecencia do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez para informar do seguimento do Plan estratéxico de Galiza 2015-2020, a parlamentaria do BNG acusouno de agochar “unha lóxico do simulacro que lle permite “nadar na autocomplacencia” e non abordar con valentía as prioridades políticas estruturais que precisa Galiza dirixidas a combater o desemprego, parar a emigración de persoas investigadoras e impulso á innovación.

Presas asegurou que o goberno galego  aproveita  a tendencia xeral da saída da recesión no cadro macroeconómico para atribuíla “exclusivamente ás súas actuacións”  delimitando  o marco temporal segundo lles convén a pesar de que  en  moitos parámetros, a evolución  entre 2015 e 2017 non é representativa.

A nacionalista acusou ao titular de  Facenda de  “falta valentía” para avaliar con rigorosidade a crise e as consecuencias das políticas de recorte e austeridade   do Partido popular porque, na súa opinión, os datos dos resultados non lles gustaban. “En ítems como a pobreza ou o emprego non podemos conformarnos con mellorar lixeiramente os parámetros de 2015 nin facer como se nos anos anteriores vostedes non gobernaran”, remarcou Presas.

Como en todos os plans do PP, engadiu neste tamén hai un denominador común: A falta de relación entre a teoría e a realidade e puxo como exemplo o crecemento baseado na innovación e o capital humano para diminuír o desemprego e lembrou  que as políticas de Feijóo, dende a súa chegada á Xunta, caracterizáronse   por  “exportar galegos e galegas cara fóra”, políticas que  contraindican a fixación de poboación e non crean as condicións para que a xente se quede ou veña a traballar a Galiza.

Hoxe, asegurou, hai 87.750 persoas menos no noso país que cando vostedes entraron no goberno. Tampouco os datos de 2015 comparados  coa actualidade son positivos porque nun período de crecemento económico, a poboación  descendeu en 24.008 persoas. “Estes datos,  equipáranos cos países menos dinámicos e periféricos de Europa, como Hungría, Polonia, ou Grecia” mentres todos os países que forman a columna vertebral da UE experimentaron crecemento da poboación (Francia, Alemaña, Bélxica, etc.). Este é o seu concepto de converxencia?, preguntou.

Presas manifestou que o conformismo do titular de Facenda non pode ocultar a realidade de “temporalidade e precariedade laboral”.A contratación eventual supón case o 50% do total, superando en máis de dez puntos o que supuña antes da crise

Por outra parte, sinalou que a falta de estabilidade no emprego conduce a Galiza a unha folga xeral. O seu modelo, recalcou a nacionalista, “non nos vale”, incrementa a desigualdade e a pobreza revelando a existencia de case 700.000 persoas que  se atopan nesta situación en Galiza.

Finalmente, a parlamentaria do BNG lamentou que o Plan estratéxico non mencione , “nin unha soa vez” a  pobreza enerxética nin  aborde medidas   dirixidas a potenciar a  innovación despois de ter rebaixado  os obxectivos de gasto en I+D+i.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG