Noa Presas reclama no Parlamento un PAC para dar atención sanitaria a Barbadás, San Cibrao e Toén

Noa Presas
Noa Presas

Aposta por dotar deste servizo básico a uns concellos en expansión demográfica pero que tamén terá unha parte da poboación envellecida

Noa Presas reclama no Parlamento un PAC para dar atención sanitaria a Barbadás, San Cibrao e Toén

A deputada por Ourense Noa Presas reclamou no Parlamento a creación dun punto de atención sanitaria (PAC) para que atenda as necesidades da veciñanza dos concellos de Barbadás, San Cribao da Viñas e Toén, que agora teñen que acudir ao PAC de Ourense para recibir atención sanitaria, demanda que foi rexeitada cos votos do PP.

“A ordenación de calquera servizo público debe ter en conta a distribución da poboación e buscar a mellor atención posíbel, tanto en infraestruturas, medios humanos e materiais”, argumentou Presas, quen lembra que estes tres municipios suman unha poboación de 18.352 habitantes cunha tendencia ascendente a excepción dun pequeno descenso en Toén. “Os outros dous aumentaron, de forma máis intensa Barbadás, que é tamén o concello que máis poboación aglutina”, indicou.

O dinamismo social de Barbadás e San Cribao das Viñas unido ao perfil de idade da poboación fan necesario un PAC para estes tres concellos, alega o Bloque, “neste sentido, malia a crise demográfica que incide de forma importante nas comarcas da circunscrición de Ourense, é factíbel prognosticar un incremento da poboación, tamén pola absorción doutras localidades de comarcas próximas”.

“Falamos neste Parlamento de crise demográfia e vemos como a Xunta exerce pouco a súa capacidade de incidir na súa reversión, un camiño que é complexo pero diante do que os servizos básicos son un elemento fundamental”, subliñou Presas afondando nos argumentos para dotar a estes concellos dun PAC.

“Son municipios arredor de Ourense, con menores prezos da vivenda, próximos aos polígonos empresariais que os fan ser un bo lugar para recibir poboación dos arredores, converténdose en lugares de atracción para parellas novas pero tamén reciben paulatinamente aos pais e nais destas parellas, que van se fan maiores e van para casa dos fillos e fillas ou para núcleos con máis servizos”, explicou.

Un incremento da poboación que derivará en maiores necesidades de atencións e urxencias pediátricas, así como atención a doenzas propias de persoas con máis idade.

“Razóns máis que suficientes para dotar estes concellos dun PAC”, concluíu a deputada ourensá, “co fin de garantir o acceso en igualdade de condicións ao sistema sanitario público de urxencias da poboación destes municipios, con especial atención á poboación máis delicada: crianzas e maiores, dar cobertura a previsible evolución das pirámides de poboación nestas localidades, incentivar a fixación de poboación nova, e repartir de forma racional os recursos no territorio e non centralizalos nas capitais de cidade”