PARLAMENTO GALEGO

Noa Presas reclama no Parlamento información sobre localización, prazos e orzamentos para o centro de saúde de Valdeorras

Noa Presas
Noa Presas
Destaca que a veciñanza deixa claro coa súa mobilización na rúa que “xa non cre as promesas de mellora que levan anos incumprindo que non se tapan con fotos nin con fume preelectoral”
Noa Presas reclama no Parlamento información sobre localización, prazos e orzamentos para o centro de saúde de Valdeorras

A deputada por Ourense, Noa Presas, trasladou ao Parlamento as demandas da veciñanza de Valdeorras que reclama un novo centro de saúde, tras os reiterados anuncios do Goberno do PP que nunca se executaron.

Por iso, nunha interpelación ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, a deputada nacionalista reclamou, sen éxito, que concretase os datos de localización, prazos e orzamentos para a materialización desa vella demanda.

“Este sábado en Valdeorras os foliós non foron o único balbordo que se escoitou, tamén se fixeron ouvir os milleiros de veciños e veciñas que esixían no concello da Rúa unha sanidade pública, digna e próxima”, explicou Presas, “unha veciñanza que volveu demostrar que non cre as súas mentiras tras anos de promesas de mellora incumpridas no hospital comarcal, despois de anos poñendo dificultades para un centro de saúde novo. Moitas palabras e poucos feitos”.

Ante o reiterado incumprimento do PP, Presas preguntoulle ao conselleiro de Sanidade se pensa que pode enganar “indo o día antes da manifestación a sacar unha foto vostede, Baltar e o alcalde da Rúa?”, tras salientar que a veciñanza da comarca leva máis dun ano concentrándose todos os luns ante a porta de entrada do centro de saúde esixindo compromisos.

“Que ten vostede que ofrecer ademais de fotos? Porque o que coreaban na rúa eran a pregunta de onde estaban os terreos”, ironizou. Por iso, a deputada do BNG instou a Almuíña a facilitar os datos que reclamaba nas rúas: “localización, prazos e orzamento para o novo centro de saúde se quere que alguén crea que a foto do venres sexa algo máis que produto do pánico preelectoral”.

Presas subliñou que a veciñanza demandou e vai seguir a reclamar un compromiso coa atención primaria, “porque aínda están sen cubrir as prazas nos concellos de Rubiá, A  Veiga e O Bolo, ou seguirán reclamando máis horas do servizo de pediatría en Viana do Bolo”.

En relación a situación do hospital comarcal de Valdeorras, a deputada por Ourense salientou que, pese a estar prevista a contratación de persoal especializado, no mellor dos casos os especialistas están compartidos, como sucede no servizo de cardioloxía, mentres faltan por cubrir prazas en cirurxía, dermatoloxía, otorrinolaringoloxía, pediatría, uroloxía, rehabilitación, dixestivo.

Presas tamén lle reprochou ao titular  de Sanidade que a hospitalización a domicilio na comarca sexa para o PP “un titular que sacar cada vez que hai eleccións, por non falar da falsificación das gardas que non quixeron investigar”.

A estas alturas, recalcou, “os titulares non tapan o seu abandono” da sanidade pública. “Nunca é mal día para abandonar o paternalismo e se escoitase á xunta de persoal do hospital de Valdeorras faría mellor o seu traballo. Localización, prazos e orzamentos, o resto é fume e máis fume”, concluíu.