Noa Presas reclama da Xunta o informe sobre a venda do Banco Pastor comprometido fai dez meses

Noa Presas
Noa Presas

Considera que o Executivo de Feixóo “lle toma o pelo” á Cámara co seu sistemático incumprimento da Lei de transparencia

Noa Presas reclama da Xunta o informe sobre a venda do Banco Pastor comprometido fai dez meses

A portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presas, reclamou da Xunta o informe sobre a venda do Banco Pastor e as repercusións da concentración bancaria na economía de Galiza cuxa realización foi aprobada pola Cámara co apoio do PP fai xa dez meses.

“Que nos aclaran e ese informe está ou non está realizado”, demandou Presas, que expresou a súa sorpresa polo feito de que “o Goberno pedise un aprazamento do debate desta cuestión, cando o único que se preguntaba e se ese informe existe ou non existe e, en todo caso, cando se vai trasladar ao Parlamento para o seu debate sobre as consecuencias da concentración bancaria en Galiza”, argumentou.

En opinión da deputada nacionalista, “non é de recibo que a Xunta incumpra a súa obriga de dar explicacións na Cámara, o que supón, ademais, que está a incumprir a lei de transparencia de 2016 da que tanto presumen”. En concreto, esa lei no artigo 19.2 indica que cada ano a Xunta elaborará a publicará un informe sobre o grado de cumprimento dos acordos aprobados polo Parlamento.

“A día de hoxe non temos nin información por esta vía do informe, nin mediante unha comparecencia do Goberno, e estamos fartas de que non contesten e se incumpra de xeito sistemático os acordos desta Cámara, que xa son máis ben poucos porque o PP rexeita a maioría dos que se presentan”, indicou Presas.

A deputada nacionalista tamén interpelou ao Goberno pola capacidade económica das familias galegas advertindo que hai que diferencias entre a exclusión social que é moi grave, pero á que hai que engadir a situación de pobreza estrutural que non se refire a casos extremos pero que cada vez afecta a máis fogares.

De feito, indicou, “nos dous últimos anos consolidase unha porcentaxe de entre o 40 e 50% da sociedade que ten dificultades para chegar a fin de mes. A Xunta gábase da recuperación, pero as familias non o notan, e isto preocúpalle ao BNG, porque é un problema transversal, que ten que ver coa precariedade laboral, coa evolución dos salarios ou coa evolución do número de persoas pensionistas en relación ao número dos e das traballadoras”.

Igualmente, Presas fixo referencia ás dificultades engadidas para obter financiamento, acceso ao crédito que está limitado pola concentración bancaria, “por iso nos parece un mal precedente que a Xunta non facilite o informe acordado por esta comisión en relación as consecuencias da venda do Banco Pastor”, recalcou Presas. “O goberno estalle a tomar o pelo a este Parlamento e non é serio que non cumpran a lei de transparencia”, concluíu.