Noa Presas reclama auditorías salariais para loitar contra a discriminación das mulleres

Noa Presas
Noa Presas

Pide á Xunta que actúe de oficio ante as declaracións dun profesor da USC contra a vítima da “manada”, que son indecentes e incitan ao odio

A portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presas, defendeu na Cámara unha serie de medidas para loitar contra a fenda salarial que soportan as mulleres, que cobran ata un 29% menos que os homes. Entres esas medidas, que se impoña a realización de auditorías salariais nas empresas para deixar ao descuberto a discriminación salarial por razón de xénero e poder actuar, mesmo con sancións, para que se cumpra o principio básico de a igual traballo, igual salario.

“Desde o BNG instámolos a que introduzan na lexislación as recomendacións que a Comisión Europea facía xa en 2014 de transparencia sobre a composición e as estruturas salariais, para evitar que as discriminacións queden ocultas e impunes, incorporar as sancións económicas para as empresas que vulneren a lexislación en igualdade e estabelecer auditorías salariais”, explicou Presas.

A deputada nacionalista, que fixo referencia as históricas mobilizacións do 8M, salientou que a salarial é unha das moitas discriminacións que soportan as mulleres,  “con moi graves repercusións pois limita o empoderamento que da ter independencia económica como piar fundamental para unha vida autónoma e, no caso das mulleres, para poder plantar cara  a outro tipo de violencias”.

Precisamente, en relación as violencias que soporta a muller polo mero feito de selo, Presas fixo referencia ás declaracións difundidas polas redes sociais do profesor da USC Luciano Méndez contra a vítima do chamado caso da manada. “Unhas declaracións noxentas e inadmisibles vertidas por un funcionario público que cobra un salario público, pero que se permite xustificar a violencia e o odio contra as mulleres. É unha indecencia, e a Xunta debería actuar de oficio en base ao que lle permite a normativa da Función pública”, salientou.

A deputada instou ao Goberno da Xunta a non sumarse ao “estilo Raxoi” en relación ás declaracións do presidente do Estado de “non meterse” na discriminación salarial, aínda que, ata agora, “o Executivo galego segue instalado na política do lazo morado nos días sinalados como efemérides”.

A deputada do Bloque salientou que os datos do último informe publicado polo persoal técnico de Facenda (Gestha), Fenda salarial e teito de vidro, sitúa a desigualdade entre as mulleres traballadoras e os homes en Galiza no 28,7% e, pese á mellora do cadro macroeconómico, “no lugar de mellorar estamos retrocedendo”, concluíu, en particular no sector privado  “onde a radiografía salarial é desoladora”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG