Noa Presas propón no Parlamento elaborar un estudo que radiografíe a discriminación económica da muller

Noa Presas
Noa Presas

O obxectivo é analizar o grado de cumprimento da normativa en vigor e adoptar as medidas que permitan avanzar na igualdade real, en particular no eido laboral

O BNG reclamou na Cámara que no prazo de tres meses a Xunta realice un estudo sobre o impacto, grao de cumprimento e vixencia da Lei para a igualdade de mulleres e homes en colaboración co Parlamento galego e coa participación dos axentes sociais, sindicais e organizacións e colectivos feministas para valorar a súa vixencia e se procede a elaboración dunha nova lei, con especial atención ao ámbito económico.

Para avalar a necesidade deste estudo, a deputada Noa Presas apelou á evidencia da discriminación que soportan as mulleres en particular no ámbito laboral, cunha fenda salarial que non deixa de medrar, unha precariedade e unha temporalidade maior ca media ou a peor calidade dos empregos.

“O 73,3% dos contratos realizados aos homes son a tempo completo, esta porcentaxe redúcese en máis de 20 puntos nas mulleres, de tal xeito que un de cada dous contratos é a tempo parcial”, explicou Presas, tras recalcar que desde que Goberna Feixóo o peso dos contratos temporais pasaron do 36,8% do total a representar o 47%.

As mulleres teñen maior porcentaxe de contratos temporais, -o 90,6% do total fronte ao 88,9% dos homes-, a temporalidade incrementouse un 58,6% ao que se suma a terciarización do emprego feminino, un sector marcada pola temporalidade e a precariedade.

De feito, a taxa de temporalidade nas traballadoras é do 27,5% , -2,1 puntos por riba dos homes-, o 77,3% dos traballos a xornada parcial son realizados por mulleres, a maior parte de contratos de curta duración.

En relación á fenda salarial, o INE indica que as traballadoras galegas cobran de media 5.479 euros menos que os homes cada ano. “Algo falla”, recalcou Presas, cun salario medio nas mulleres un 23% inferior, diferencial que aumenta se excluímos o emprego público. “No sector privado a vulneración dos dereitos na negociación colectiva ao amparo das sucesivas reformas laborais e a crise económica tamén influíron negativamente agudizando a discriminación ás mulleres”, explicou a deputada.

En Galiza as traballadoras están peor que no conxunto do Estado, pois o salario é 1.837 euros menos que a media estatal o que ten unha repercusión directa nas pensións actuais e futuras. Ademais, na década de goberno do PP na Xunta a diferenza entre a pensión media dos homes e as mulleres aumentou, pasando de 280,52 euros no 2009 a 357,31 en 2017 cun incrementou da diferenza  un 27,4%.

Presas tamén fixo referencia á conciliación laboral e familiar que está lonxe de ser unha realidade, ao que non é allea a política de recortes en materia de servizos sociais aplicadas nos anos de goberno do PP, de tal xeito que as mulleres dedican 4,3 horas diarias ao traballo doméstico, o dobre que os homes.

“En resumo, a vixencia da situación de desigualdade permanece cuns índices intolerables, nomeadamente nos parámetros referidos ao ámbito económico. Este feito debe obrigar a avaliarmos o cumprimento e eficacia do actual marco e o impulso da Xunta de Galiza para desenvolvelo”, concluíu Presas para reclamar a elaboración do estudo, que foi rexeitado polo PP.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG