Noa Presas pregunta no Parlamento polas melloras do Hospital de Valdeorras anunciadas por Feijóo

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas lembra que o pasado 30 de setembro máis de 6.000 persoas saíron a rúa para defender o  Hospital de Valdeorras  e reclamar a súa mellora 

Tralo compromiso do Presidente da Xunta no  Debate do Estado da Nación anunciando que o Hospital de Valdeorras “ampliaría o bloque cirúrxico e área ambulatoria”, a deputada por Ourense, Noa Presas rexistrou unha batería de iniciativas ao fin de coñecer a “data de inicio e remate das obras” en ambos servizos e as melloras xa contempladas no Plan Director.

Para a deputada, Valdeorras merece “unha sanidade de primeira” como reclamaron na rúa máis de 6.000 o pasado 30 de setembro polo que preguntará na vindeira comisión de sanidade se as  melloras previstas, suporán un incremento do cadro de persoal, se implican mudanzas ou acondicionamento das salas de espera e se está  prevista algunha xuntanza co cadro de persoal do Hospital  e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Valdeorras   para coñecer as  súas demandas.

Presas salienta que o centro situado no oriente ourensá, dá cobertura a unha comarca extensa territorialmente e que  se en Galiza a media de poboación maior de 64 anos é do 24,3 %, a media para moitos dos concellos da comarca valdeorresa roza o 50%, pois só o Barco está na media galega, superándoa localidades como O Bolo (49,7%), A Veiga (40,1%) ou Viana, 40,5%.

Co aumento da media de idade aumenta o volume de pacientes anciás pluripatolóxicos que consomen dez veces máis recursos que unha persoa nova sa e que polo tanto requiren de dotación específica, recursos e persoal que compensen esta tendencia e permitan unha boa atención, polo que resulta “imprescindible”  mellorar a dotación e variedade de servizos do Hospital para evitar derivacións ao Hospital de Ourense que provoca un trastorno polas dificultades e custos do transporte inevitabelmente asociados.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG