Noa Presas: “O Plan Xacobeo é papel mollado, unha suma de xeneralidades e froito da propaganda”

Noa Presas
Noa Presas

Presas: “Non hai calendario nin orzamentos, ni modelo de Xacobeo, nin diálogo de ningún tipo máis que con vostedes mesmos”

Apuntan problemas como a masificación ou a falta de inspección, pero non aportan as medidas dar unha solución, critica

Noa Presas: “O Plan Xacobeo é papel mollado, unha suma de xeneralidades e froito da propaganda”
O BNG cualifica de “papel mollado” o Plan Xacobeo presentado pola Xunta que a deputada Noa Presas definiu como “suma de xeneralidades, froito dunha espiral de propaganda detrás da que non hai proxecto, nin modelo de xacobeo, nin modelo de país nin vontade algunha de diálogo máis que con vostedes mesmos”.

Tras escoitar as explicacións do titular de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, Presas replicoulle que estamos ante un plan “baseado en xeneralidades e promesas repetidas que non ofrecen garantía algunha de que este evento poida ser impulso da máis mínima transformación social”. En realidade, a deputada do BNG preguntouse onde estaba o plan, “porque isto non puido valer 66.000”, ironizou sobre o que definiu como “sumatorio de desideratums e propósitos difíciles de crer”, pero sen calendario de execución e sen concreción orzamentaria.

“Este mesmo plan é un recordatorio dos deberes que teñen por facer, senón cumpriron en dez anos porque imos confiar en que o fagan agora?”, interpelou Presas ao conselleiro. A portavoz parlamentaria de Turismo tamén foi moi crítica co feito de que o documento presentado pola Xunta fai referencia a problemas de calado pero sen aportar solucións, como a masificación ou a falta de inspeccións.

“Falan de sustentabilidade, pero non ofrecen alternativas para a xestión do lixo e a salvagarda do medio; falan de igualdade de xénero, pero nin sequera redactan un documento usando unha linguaxe integradora; diagnostican debilidades como a masificación ou a necesidade de reforzar a acción inspectora, pero sen poñer medidas sobre a mesa”, criticou.

Presas tamén fixo referencia “ás profundas diferencias de enfoque ideolóxico” que o BNG mantén co PP en relación a este plan, “pois non identifica Galiza como unha nación, non nos singulariza nun contexto globalizado, de feito veu a ministra Montoro a dicir que o camiño ía reforzar a marcha España e non dixeron nada”, recriminou. Igualmente, o Bloque bota en falta un apoio ás industrias culturais do país e que non se aproveite o Xacobeo para promover a lingua propia “máis aló dunha mención accesoria e mesturada co multilinguismo, de feito, a web deseñada ad hoc ten o plan que hoxe presenta no Parlamento colgado en castelán”, denunciou.

En definitiva, “unha oportunidade perdida porque a estratexia do plan Xacobeo non responde a unha diagnose profunda, nin é froito do diálogo e do consenso”, concluíu Presas.