Noa Presas pide á Xunta medidas para que Cartelle e A Merca teñan acceso a internet e telefonía móbil

Noa Presas
Noa Presas
  • “A falta de servizos no rural é discriminatoria e dificulta a fixación da poboación nos concellos do interior”, alega a deputada ourensá, e critica que o Goberno se limite “a tirar balóns fora apelando á operadora”

A deputada por Ourense, Noa Presas, reclamou no Parlamento medidas efectivas para corrixir as deficiencias técnicas que impiden á veciñanza dos concellos de Cartelle e A Merca ter acceso á telefonía móbil e a internet que, ata agora, a Xunta non logrou corrixir pese ao Plan de banda larga 2020 aprobado en outubro de 2015.

Presas atribúe ao desinterese do Goberno que aínda non se teña solucionado esta situación que desincentiva a necesaria fixación de poboación no medio rural. “Falta unha aposta decidida para facilitar un acceso óptimo a estes servizos pese as repetidas solicitudes da veciñanza nun concello moi próximo a outros municipios de maior poboación que si teñen acceso as novas tecnoloxías”, indicou.

“Cando os servizos fallan a repercusión negativa é evidente nas pequenas e medianas empresas, para os traballadores e traballadoras autónomas, sobre todo nun contexto marcado polo desmantelamento de servizos públicos no rural: deficiencias no transporte, peche de colexios ou entidades bancarias, recorte de servizos sanitarios entre outros. Todo isto contribúe a abandonar o rural coas consecuencias ambientais e económicas que provoca”, argumentou Presas.

A deputada criticou a resposta do Goberno alegando que é unha cuestión que non lle compete. “Non é de recibo que a Xunta tire balóns fora apelando a que é unha responsabilidade da empresa operadora na zona e, en todo caso, dos concellos afectados. Suponse que o goberno galego debe estar para velar pola igualdade para todos e todas sen importar onde vivas e, neste sentido, non se pode ter menos posibilidades e menos calidade de vida por residir no rural”,concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG