Noa Presas pide a intermediación da Xunta para evitar o peche de máis oficinas bancarias no rural

Noa Presas
Noa Presas

O BNG reclama á Xunta que intermedie coas entidades bancarias para evitar máis peches de oficinas, especialmente no rural, e garantir unha correcta atención financeira nun país cunha elevada dispersión poboacional, cunha poboación tamén moi envellecida e que debe enfrontarse á proliferación de novos produtos financeiros que fan precisa unha atención persoal.

A portavoz de Economía, Noa Presas, encargada de defender a PNL vetada polo PP, salientou o peche constante de oficinas bancarias desde o inicio da crise que afectou especialmente a Galiza “desde 2009 cunha caída máis intensa ca media, un 34,7% fronte ao 30,3% do conxunto estatal e Galiza, a pesares de concentrar a metade de núcleos poboacionais de todo o Estado, non conta cunha rede de oficinas acorde a esa realidade territorial”.

A día de hoxe, hai unha oficina bancaria por cada 1.732 persoas, por debaixo da media, reiterou, “o que se traduce nun deficiente servizo por parte das entidades financeiras” ante unha estrutura demográfica marcada pola dispersión e o avellentamento, cunha banca que obriga a ter unha conta bancaria sen recibir a cambio un bo servizo presencial.

Presas tamén fixo fincapé no feito de que as entidades ofertan produtos financeiros, inmobiliarios e de seguros de todo tipo, “o que agrava o risco de vulnerabilidade d@s clientes e é unha razón de peso engadida para preocuparnos porque desaparezan as oficinas de atención persoal e presencial no territorio”. A deputada tamén apelou á perda de miles de empregos que implicou o peche de oficinas, que continuará se se consuma a liquidación da marca Pastor.

“Neste panorama perde a clientela e perde sobre todo unha parte do territorio, o rural, xa que avanza a exclusión financeira da poboación que vive no interior, e perde o conxunto dos usuarias e usuarios xa que menos entidades implica menos oferta e condicións máis abusivas”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG