parlamento galego

Noa Presas pide ao goberno que rectifique un modelo eólico “kamikaze” con Galiza

Noa Presas
Noa Presas
Destaca como exemplo de política da Xunta, a Serra do Suído, un espazo excepcional con valores culturais e ambientais ameazada por vinte parques eólicos

A portavoz en materia de enerxía do BNG, Noa Presas interpelou ao conselleiro de Economía, empresa e Innovación, Francisco Conde sobre a actual situación do sector eólico en Galiza.

Presas reclamou un cambio de rumbo nas políticas do PP para  rectificar “o modelo eólico Kamikaze con Galiza” e  puxo como exemplo a Serra do Suído, un espazo dixo, “con grandes valores culturais e ambientais” pero “ameazada por vinte  parques eólicos”, sen xustificación.

 A deputada do BNG comezou a súa intervención trasladando a solidariedade desta forza política aos traballadores  de Naturgy na Coruña e  Iberdrola en Valdeorras, afectados por un  modelo enerxético que obedece a intereses de empresas que deixan en Galiza un gran “impacto ambiental”, deslocalizan os postos de traballo cualificado e  ao  tempo  reciben MW eólicos.

Sr. Vicepresidente, interpelou  a deputada, hoxe ten  outra oportunidade para facer que a Xunta deixe de ser parte do problema e propoña algunha medida para frear a deslocalización permanente dos servizos asociados á xeración eléctrica. Unha deslocalización permanente que deixa hoxe no sector eólico, “cadáveres como Siemens Gamesa ou Isowat”.

É inaudito que no maior despregamento eólico da nosa historia Siemens estea ás portas dun ERE e que, a semana pasada Isowat completase a súa liquidación. Por certo, mentres a filial castelá non só sobreviviu, senón que medra. Estes exemplos, reiterou a nacionalista,  evidencian o “ fracaso estrepitoso da política industrial e enerxética de Galiza”.

Interpelamos  ao goberno  para trasladar o clamor social e preocupación que existe no territorio pola aplicación dun “modelo descontrolado e de arrase do territorio”.

A parlamentaria fixo fincapé na “ falta de garantías ambientais, ordenación e cambios lexislativos” ao que sumou un “obsoleto Plan sectorial eólico que precisa de maneira urxente  consenso e unha ordenación alternativa”.

Presas lembrou diferentes  sentenzas sobre o Iribio ou Sandónigas que sinalan “a óptica produtivista da Xunta, impactos negativos en materia medioambiental e lagoas legais aproveitadas en favor do oligopolio eléctrico”.

A deputada reiterou  que  baixo “a trampa do traxe verde, agóchase un modelo de arrase” e o único que se está medindo á hora de decidir onde se instala un parque é o beneficio empresarial, sen avaliar rigorosamente outros impactos tanto na fase de construción como de explotación.

Por poñer un exemplo,  explicou, no Suído e Alto Tea existen 12 tipos de hábitats de interese comunitario e un grande número de formacións de turbeira e outros recursos hídricos estratéxicos para a loita contra o cambio climático así como unha  grande variedade de flora e fauna, entre a que se inclúen especies en perigo de extinción.

“Sexan o goberno de Galiza, non o de Naturgy, Iberdrola ou Greenalia” volveu a pedir a nacionalista, impidan a política de fragmentación de proxectos para axilizar a tramitación e sortear a avaliación de impactos, non cometan “fraude de lei”.

Da Serra da Groba e do Galiñeiro á Costa da Morte, zonas sobreexplotadas en Lugo e Ordes, parques de xestión estatal que ameazan o Macido Central, o Courel e Pena Trevinca fan necesario “aprobar un novo Plan sectorial Eólico para a próxima década harmonizando o desenvolvemento enerxético e protexendo o medio ambiente”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG