Noa Presas e Olalla Rodil denuncian cunha trainmovie a discriminación ferroviaria de Ourense e Lugo

Noa Presas e Olalla Rodil
Noa Presas e Olalla Rodil

Olalla Rodil: “Viaxar por tren entre Lugo e Santiago son 5 horas, o dobre que entre París e Londres, custa 30,20€ e precisa un transbordo”

Noa Presas: “Se non hai novidades no curto prazo, volveremos levar o debate da estafa do Avant ao Parlamento”

Noa Presas e Olalla Rodil denuncian cunha trainmovie a discriminación ferroviaria de Ourense e Lugo

“Lugo existe, Ourense existe, o Interior de Galiza tamén existe”. É a reivindicación das deputadas nacionalistas por estas provincias, Olalla Rodil e Noa Presas, que hoxe escenificaron nunha viaxe-denuncia entre as capitais do interior e a capital de Galiza para protestar pola discriminación destas en materia de transporte ferroviario, con horarios escasos, duracións de viaxes interminables ou tarifas ata un 60% máis caras que nas liñas de tren do eixo atlántico.

A denuncia, a modo de trainmovie, empezou na estación de Lugo onde Rodil  tomou o tren das 11:10 con destino a Ourense, -seguindo a recomendación de Renfe para trasladarse en ferrocarril entre Lugo e Santiago-, desde onde ambas tomaron o tren Avant de enlace a Compostela con chegada ás 16.08. No caso de Rodil, cinco horas máis tarde para un percorrido de 90 quilómetros que en coche consume 75 minutos.

“Chegar desde Lugo a Santiago, -única capital de provincia que non ten conexión ferroviaria directa con Compostela-, leva o dobre de tempo que viaxar en tren de París a Londres, dez veces máis que ir de Vigo a Santiago, mentres que o prezo dos billetes ascende a 30,2€, o dobre que no traxecto entre a cidade olívica e a capital de Galiza”, argumentou Rodil.

“Esta viaxe demostra que as conexións ferroviarias con Lugo son terceiromundistas, non é entendible a discriminación en materia ferroviaria coas provincias de interior”, denunciou a deputada, quen reclamou horarios, prezos e traxectos do século XXI tamén para a cidadanía da provincia lucense.

Presas centrou a denuncia nos prezos do billetes e no abandono das liña rexional que deixa fora do tren a concellos que ata agora si estaban conectado por ferrocarril.  Salientou que xa se cumpre un mes desde que o Parlamento aprobou a proposta do BNG para abaratar os prezos dos billetes, -“ o tarifazo da estafa avant”-, e para mellorar a utilización dos bonos descontos.

“Non imos esquecernos desta cuestión e temos iniciativas para facer seguimento que levaremos á Cámara senón hai novidades no curto prazo, porque entendemos que é unha cuestión de xustiza para Ourense e merecemos un tren que nos conecte con prezos e horarios acaídos cando menos coa capital do país, non estamos pedindo ningún luxo exótico”, recalcou.

Presas tamén fixo extensiva a discriminación ferroviaria da provincia ao tren rexional, que prexudica particularmente ao sur de Ourense, unha liña cada vez máis abandonada e peor conectada, con avarías continuadas “pese a que a collen milleiros de estudantes que onte mesmo soportaron unha nova avaría que obrigou ao seu transporte por estrada”. Situacións que se repiten, “son o pan noso de cada día e fai un mes ardeu un tren rexional”, recalcou, “non están garantidas nin a seguridade nin a conectividade, dúas cuestións nas que insistiremos no Parlamento”.

As deputadas por Ourense e Lugo avanzaron novas iniciativas parlamentarias en relación á discriminación ferroviaria que soporta a veciñanza destas provincias, “porque as persoas de Lugo e de Ourense tamén temos dereito a ter un ferrocarril do século XXI, porque o interior tamén existe”, concluíron.