Noa Presas: “Meirás, a Casa Cornide e as estatuas do Mestre Mateo son exhumacións pendentes en Galiza”

Noa Presas
Noa Presas

O BNG pide un compromiso do goberno de Sánchez para restituír a memoria histórica en Galiza

O BNG demanda ao goberno de Sánchez un compromiso para restituír a Memoria histórica en Galiza. A deputada nacionalista, Noa Presas afirmou que “o Pazo de Meirás, a Casa Cornide e as estatuas do Pórtico da Gloria son exhumacións pendentes en Galiza” polo que reiterou a reclamación da devolución dos bens espoliados durante o franquismo. 

Ante o decreto que posibilitará a exhumación dos restos mortais do ditador Franco no Val dos Caídos, a parlamentaria do BNG  instou ao novo goberno a decretar por lei outros asuntos pendentes  de maneira real, “máis alá de operacións cosméticas”. Neste sentido, reclamou ese compromiso para facilitar “unha axenda galega de recuperación da memoria histórica” porque, “o franquismo non só vive nos restos do seu ditador”, vive, explicou Presas, “nos títulos nobiliarios, nos xuízos franquistas ilexítimos e en todo o patrimonio espoliado aos pobo galego”. 

A deputada  reiterou que o BNG seguirá demandando do Estado a súa implicación para devolver de maneira inmediata o patrimonio roubado porque de non facelo,  “Pedro Sánchez demostrará que mira para outro lado como fixo o Partido popular” e no caso  concreto do Pazo de Meirás, existe un acordo plenario do Parlamento Galego, acadado por unanimidade, que desde Madrid deben respectar e facilitar con urxencia.

Por outra banda, lembrou que esta tamén é unha  reclamación da Xunta Pro Devolución do Pazo, de organizacións da memoria “e mesmo hai activistas nacionalistas xudicializados por reclamar o fin do espolio de Meirás”.

O decreto para a exhumación do ditador despois de corenta anos constata a  “fraude” da transición e a existencia dunha “dereita casposa e intolerante que hipocritamente quere impedir calquera avance” porque está máis preocupada dos restos “dun criminal” que da reparación das vítimas, apostilou.

A IGREXA CATÓLICA DEBE RECTIFICAR

A deputada afirmou que o anterior marco legal foi “decepciónante” con  lagoas  como os  xuízos franquistas sen resolver ao que sumou a falta de vontade política do goberno central e da Xunta de Galiza que non aproveitou a lei para impedir a simboloxía franquista nas igrexas como de maneira reiterada denunciou o BNG no Parlamento galego. 

Noa Presas manifestou que a  Igrexa católica ten agora unha nova oportunidade de desfacerse dese “pasado de complicidade co réxime franquista ”e polo que “aínda non pediu perdón” e implicarse porque o seu papel é un factor clave para que se cumpra a lei. Para o BNG, “o Val dos Caídos é un lugar da permanencia do franquismo, sen Franco” e  “un insulto ás vítimas do ditador”, construído co suor e sangue dos represalidados da Guerra Civil dos que moitos eran  galegos e galegas. 

DEVOLUCIÓN DOS BENS ESPOLIADOS EN GALIZA POLO FRANQUISMO

Para a nacionalista, resulta  unha “anomalía democrática  que os bens espoliados durante a ditadura sigan na actualidade en mans da familia Franco e  cualificou de “inadmisible” que a tres meses da chegada de Pedro Sánchez á Moncloa non se producira ningún paso  para avanzar na súa devolución. “Non sabemos se segue de vacacións pero desde logo, Sánchez  ten moitos deberes pendentes co noso país”.

“Despois dunha década de goberno Feixóo sen avances, e dunha década dun goberno central cómplice urxen pasos realistas e firmes para que desde Galiza poidamos abordar desde unha perspectiva integral a memoria histórica con perspectiva galega que permita  a reparación e devolver o patrimonio espoliado ao pobo galego”. 

Noa Presas concluíu reclamando ao Partido Socialista que de “maneira inmediata” inclúa a devolución ao pobo galego dos bens roubados polo franquismo, porque  de non facelo  “será  parte do problema en lugar de parte da solución”.

O BNG saúda a iniciativa para a exhumación dos restos mortais do ditador no Val dos Caídos pero reitera  que hai outras exhumacións pendente en Galiza agardando polos bens roubados durante o franquismo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG