GALEGAS 2020

Noa Presas: “Hai que apostar pola re-industrialización e a ampliación do chan industrial de Ourense”

Ourense
Ourense

O BNG propón unha Lei de localización empresarial e incrementar o peso da innovación para que o Campus de Ourense sexa un motor

A cabeza de lista visita o polígono industrial do Carballiño con Sofía García para criticar a “política de brazos caídos” de Feijóo nestes once anos

Noa Presas: “Hai que apostar pola re-industrialización e a ampliación do chan industrial de Ourense”

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, e a voceira municipal da formación no Carballiño, Sofía García, criticaron a falta de chan industrial no polígono da vila. Presas comprometeuse a desenvolver un plan de ordenación e dotación de equipamentos para a procura do equilibrio territorial, así como impulsar unha lei de localización de empresas e a Tarifa Eléctrica Galega. A cabeza de lista incidiu na posta en valor e o incremento da innovación que leva a formación nacionalista no seu programa electoral.

Na visita ao polígono de Carballiño, a voceira municipal do BNG, Sofía García, sinalou a falta de chan industrial no polígono, provocando que posíbeis empresas non poidan afincar a súa sede e asentar traballo cerca da vila. “Estamos falando dunha área empresarial que precisa dun gran impulso e dun novo vial para desconxestionar o tráfico” sinalou García.

“Feijóo fixo folga de brazos caídos respecto das súas competencias e urxe dar un cambio industrial sen precedentes. Ourense non pode ser quen máis perda” apuntou a candidata do BNG. Enumerou diversas propostas que a organización nacionalista ten en materia industrial. Un plan de ordenación do chan industrial e de dotación de equipamentos en Ourense para buscar o equilibrio territorial. A cabeza de lista ironizou con que non van prometer unha fábrica de coches en Melón mais “si poñer chan en oferta para atraer ás empresas”. Nestes anos, ducias de empresas con matriz galega fóronse a Portugal por falta de chan en Pontevedra cando “podían ter aquí en Ourense un lugar estratéxico no triángulo Vigo-Portugal-Castela”.

Así mesmo, comprometeuse a impulsar a lei de localización empresarial co obxectivo de captar investimento exterior e que regule a política de apoios económicos da Xunta de Galiza de forma de “préstamos, axudas e subvencións estean suxeitos a estritas cláusulas contra a deslocalización supoñendo a súa devolución con intereses” exemplificándoo co sector da automoción.

“Hai que apostar polo peche dos ciclos produtivos, apostando pola re-industrialización da parte deste país e apostando tamén pola innovación” recalcou Presas. Nese sentido, comprometeuse a incrementar do 1% do PIB actual até chegar ao 2,5% recomendado polas institucións europeas. “En Ourense temos un Campus que está infrautilizado e temos que apostar por promocionalo e desenvolvelo” apuntou a candidata.

Por último, Presas sinalou que desde o BNG seguiran apostando pola Tarifa Eléctrica Galega “que axude ao desenvolvemento económico de Ourense “ e impida máis peche de empresas. “Non se entende que sexa unha dificultade cando pode ser unha oportunidade para o noso país, con prezos competitivos igual que fixo a industria vasca.

 

Noa Presas: “Hai que apostar pola re-industrialización e a ampliación do chan industrial de Ourense”