Noa Presas: “O goberno de Sánchez ten que levantar o veto á intervención pública en Alcoa a través da SEPI”

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas advertiu que o 27 de decembro decídese o futuro de Alcoa e acusou á Xunta de Galiza de “botar balóns fora” e buscar culpábeis  sobre un problema que afecta a máis de 400 familias

A deputada do BNG, Noa Presas defendeu hoxe unha moción instando á Xunta de Galiza a cumprir os acordos parlamentarios para garantir a actividade e continuidade dos postos de traballo en Alcoa así como dirixirse ao Goberno central para levantar o veto á intervención pública de Alcoa. A iniciativa do BNG tamén recollía un terceiro punto, de cinco,  para constituír unha mesa, con todos os sectores das poxas, para elaborar propostas e modificar a interrompibilidade trala vindeira  poxa da última semana do mes de decembro do 2018.

 Só faltan 23 días para decidir o  “futuro ou fin” de Alcoa e dos seus traballadores recalcou a nacionalista e xa pasou máis de mes e medio desde que Alcoa anunciou o peche de Avilés e da Coruña, e desde entón houbo máis palabras que feitos por parte das administracións responsábeis e concretamente da Xunta que se dedicou a “botar balóns fora e buscar culpábeis para eludir calquera responsabilidade”.

A parlamentaria insistiu en que están en xogo  400 postos de traballo e  por extensión, de toda a industria electro-intensiva que necesita unha resposta urxente para blindar o futuro da industria galega.

Para a deputada, en todo este proceso non se atendeu a opinión dos grupos parlamentarios pero o máis grave, ao seu xuízo, é que tampouco foron atendidas as demandas dos traballadores e traballadoras que mesmo preguntados polas expectativas ante a reunión  de Traballo, só contan coa información publicada en prensa.

Presas reclamou ao grupo maioritario do Partido popular, “non apartarse dos consensos” e cumprir os acordos. A  Xunta de Galiza, reiterou, debe  comprometerse con maior intensidade na defensa dos puntos acordados no Parlamento galego no Pleno do 23 de outubro e dos puntos demandados no escrito remitido polo Comité de empresa á Xunta de Galiza con data  do 30 de outubro de 2018”.

Trala votación, a deputada do BNG  lamentou que o Partido popular non apoiara ningunha das novas propostas e siga reafirmándose no incumprimento dos  acordos parlamentarios destinados a  buscar unha solución á situación de Alcoa así como  un novo marco cara un  modelo enerxético que non prexudique á industria e persoas usuarias.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG