Noa Presas defende a creación dunha mesa de diálogo con todos os axentes implicados na sanidade pública

Noa Presas
Noa Presas

O BNG insiste na retirada da reforma da Lei de Saúde e pide á Xunta que escoite á cidadanía que saíu á rúa para defender o sistema público de saúde

O BNG demandou no Parlamento a creación dunha mesa de diálogo en defensa da sanidade pública, tal e como solicita a Plataforma SOS Sanidade Pública e os milleiros de galegos e galegas que se manifestaron nas rúas contra o acoso ao  sistema público de saúde.

“A preocupación pola situación da sanidade pública en Galiza non fai máis que aumentar, ao igual que non deixa de medrar o rexeitamento ás decisións do PP en materia de sanidade, e por iso deberían abandonar a súa arrogancia e pararse a escoitar e a dialogar”, salientou a deputada Noa Presas durante o debate desta proposta na Comisión de Sanidade.

Presas fixo repaso das consecuencias do proceso privatizador do PP: Recorte de 2.000 millóns de euros desde 2009, peche de 700 camas, privatización continuada de servizos, repago de medicamentos e copagos sanitarios incrementados nun 260%, “o que implica na vida real estabelecer un imposto sobre a enfermidade das persoas con menos recursos”.

Aumento das listas de espera, -tamén na atención primaria-, colapsos das urxencias, masificación de consultas, cupos de profesionais por enriba do estabelecido, precarización na contratación son outras das consecuencias da folla de ruta de acoso e derribo á sanidade marcada polo PP.

E como penúltima volta de torca contra a sanidade pública, a reforma da Lei de Saúde de Galiza que o PP quere aprobar en solitario, e  supón a desaparición das áreas sanitarias do Salnés, Valdeorras, Mariña e Monforte así como seguir afondando no proceso de privatizacións.

“En definitiva, sobran os motivos para as dúas cuestións que demandamos na iniciativa:  A retirada do proxecto de reforma da Lei de Saúde e a constitución dunha mesa de diálogo con todos os axentes implicados na sanidade pública”, sintetizou Presas, antes de que o PP materializase o seu veto a esta proposta.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG