Galegas 2020

Noa Presas: “No BNG levamos no ADN a defensa do territorio e a defensa do coidado dos nosos ríos”

Ana Miranda e Noa Presas
Ana Miranda e Noa Presas

Ana Miranda chama a levar o 12X un “cambio de ruta” nas políticas de protección do medio ambiente cun cambio galego liderado por Ana Pontón

O BNG comprométese a rexenerar os ríos de Ourense e reclamar as competencias ante a emerxencia climática e o deterioro do ambiental tras once anos de Núñez Feijóo

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, e a voceira do BNG en Europa, Ana Miranda, comprometéronse a levar un Plan Director do Río Barbaña e apostar polo ciclo da auga, entre as súas prioridades no goberno galego, desde o abastecemento, o saneamento, a depuración e mesmo a re utilización. Ambas destacaron o abandono do medio ambiente tras once anos de PP na Xunta de Galiza e a posibilidade que se abre cos novos fondos europeos.

Noa Presas comezou sinalando que no BNG “levamos no noso ADN a defensa do territorio e a defensa do coidado dos nosos ríos”. Simbolizou ao Barbaña como a mostra do abandono que leva sufrindo o ecosistema. “Denunciamos reiteradamente a falta de saneamento ao longo de todos os Concellos de Ourense” destacou a cabeza de lista.

Desde o BNG comprometéronse a desenvolver un Plan Director do Barbaña e un Plan de rexeneración dos ríos de Ourense, así como reclamar que as competencias sexan transferidas á Xunta de Galiza porque “é absurdo que todos os ríos de Ourense dependan de institucións afastadas” que obedece “ás prioridades de Madrid”. “Faremos tamén unha aposta polo ciclo da auga desde o saneamento á depuración e a xestión de residuos” destacou durante a súa intervención.

Prometen, tamén, desenvolver un novo modelo urbano coa Axenda 2030 inspirada na aprendizaxe de Pontevedra- líder europea en redución de emisións. “Neste contexto de cambio climático temos exemplos do que se pode facer, Pontevedra reduciu nun 65% as emisións de CO2 e iso é o que queremos facer con Ourense e co resto do país” apuntou Presas

Asemade, fixo un chamamento a todas as persoas que están preocupadas polo futuro do medio ambiente e do noso ecosistema “que confíen no BNG o vindeiro 12X para liderar o próximo goberno con Ana Pontón para ter un futuro máis sostíbel” concluíu a cabeza de lista por Ourense.

Novas oportunidades cun goberno galego liderado por Ana Pontón

Pola súa banda, a voceira do BNG en Europa, Ana Miranda, criticou que Ourense continúa a ter os seus ríos contaminados “nun momento no que a saúde é prioritaria”. Protección da natureza tras 11 anos de Núñez Feijóo no que protexer os ríos, a natureza e a biodiversidade non foi prioritario. “Non tivo en conta a defensa dos ríos en Ourense: desde o Támega ao Barbaña, temos un abandono absoluto”.

“Vemos unha oportunidade cos novos fondos europeos, que van vir despois da pandemia, de protección do medio ambiente e de apoio á axenda sostíbel. Temos enormes posibilidades cun cambio galego” avanzou Miranda. Así mesmo, destacou a necesidade dun goberno liderado polo BNG para que “Ourense sexa como Pontevedra e coide do seu medio ambiente xa que ten moitas posibilidades”. A voceira en Europa fixo un chamamento á cidadanía para que haxa un cambio de ruta totalmente distinto co abaratamento da auga.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG