BNG expresa solidariedade coa resistencia de Afrin e co povo curdo

Curdistán. Foto: HDP
Curdistán. Foto: HDP

O Bloque Nacionalista Galego quer expresar publicamente a plena solidariedade co povo curdo que nesta hora resiste en Afrin o asedio do exército turco e do fascismo islámico encarnado polos xihadistas que apoia Turquía. Queremos, aliás, denunciar a pasividade internacional diante dun claro intento de xenocidio e de limpeza étnica que pretende levar a cabo o estado turco no territorio curdo de Rojava cunha ofensiva que iniciou xa no pasado 20 de xaneiro.

Neste sentido, denunciamos especialmente o silencio cómplice dos Estados Unidos, con tropas na zona, e da Unión Europea, pois Turquía é membro da Alianza Atlántica e é, por tanto, com armas e a autorización implícita da OTAN que realiza esta operación fóra das súas fronteiras e en territorio doutro estado, vulnerando mesmo o dereito internacional.

Cabe lembrar que as milicias curdas de Rojava combateron eficazmente o Estado Islámico até lograr en 2015 a primeira grande derrota dos terroristas na cidade de Kobane. Ao tempo, o povo curdo desenvolveu neste territorio unha experiencia de democracia popular e participativa que agora Turquía e a OTAN quer apagar do mapa.

A permisividade da Unión Europea coa constante vulneración dos dereitos humanos en Turquía, particularmente contra a poboación curda, e agora a anuencia à ofensiva contra Afrin deixa en evidencia, máis unha vez, que se move por intereses xeoestratéxicos e políticos diferentes dos da defensa da democracia, os dereitos e a liberdade dos povos. Merece, por tanto, a nosa firme condena e entendemos que debe producirse tamén por parte de toda a poboación da UE.

Polo noso lado, reiteramos a nosa solidariedade co Curdistán e coa loita do povo curdo pola súa liberdade. Particularmente, neste momento, o noso total apoio à resistencia de Afrin e o rexeitamento à ofensiva imperialista turca e dos seus aliados do fascismo islámico. Chamamos o conxunto da sociedade galega a se manifestar neste sentido.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG