CONGRESO

Néstor Rego urxe o Ministerio de Traballo a mediar no ERE do BBVA

Néstor Rego
Néstor Rego
O BNG reclama a derrogación inmediata das reformas laborais que permiten que se poda iniciar un Expediente de Regulación do emprego sen autorización administrativa e que facilitará que o BBVA despida a miles de persoas.
Néstor Rego urxe o Ministerio de Traballo a mediar no ERE do BBVA

Rego reuniuse con Miguel Fernández, secretario da sección sindical da CIG, sindicato maioritario no BBVA en Galiza (CIG), Aitor Garayurrebaso (ELA) e Joxean Urkiola (LAB) que están a participar nas negociacións do período de consultas en Madrid do ERE do BBVA que suporá recortar 2.935 postos de traballo e o peche de máis de 480 sucursais en todo o Estado, 26 na Galiza.

Despois do anuncio do ERE os traballadores e traballadoras comezaron as mobilizacións e lograron desa forma reducir o seu impacto negativo, pero aínda así a nivel galego suporá o despedimento de 82 persoas e a recolocación de grande parte do resto do listado de persoal. Ademais suporá o peche de 480 oficinas en todo o Estado (26 na Galiza), medidas inaceptábeis se atendemos a que esta entidade bancaria tivo beneficios millonarios o ano pasado. Fernández cualificou de "inadmisíbel" a postura da empresa "que despois de mes e medio do período de consultas non está negociando absolutamente nada. O banco di que rebaixa o número de despedimentos, pero o que fai é pasar estas persoas a servizos de telemarkéting, empeorándolle as condicións laborais e incrementándolle a xornada", alertou.

En 2020 o BBVA, a pesar da recesión económica causada pola pandemia da COVID-19, obtivo un beneficio neto de 1.305 millóns de euros pero argumenta a súa baixada de ingresos para xustificar o despedimento colectivo dos traballadores e traballadoras. “É totalmente inaceptábel que unha empresa con beneficios multimillonarios decida unilateralmente despedir a miles de persoas e que a autoridade laboral non poda intervir para controlar as causas alegadas” declara Rego, “é urxente que se derrogue o conxunto da reforma laboral, mais especialmente este aspecto que pon todo o poder negociador en mans da patronal”.

Coa reforma laboral suprimiuse a necesidade de contar co permiso previo da autoridade laboral aumentando os ERE non pactados. “As partes non teñen que negociar e alcanzar un acordo para que así a empresa obteña o visto bo da autoridade laboral e que se poda producir o despedimento colectivo” subliña o deputado do BNG, “na actualidade un empresario pode facer un ERE de forma unilateral unha vez finalizado o período de consultas”.

O BBVA está a aproveitarse "dunha reforma laboral non derrogada, que facilita que empresas con beneficios poidan despedir sen ningunha supervisión, ou modificar de forma unilateral as condicións de traballo das persoas trasladándoas a centos de quilómetros con compensacións ridículas, sen importarlle o máis mínimo as súas circunstancias vitais" expoñen os representantes sindicais.

 

Néstor Rego urxe o Ministerio de Traballo a mediar no ERE do BBVA