Congreso

Néstor Rego: «A solución aos problemas sociais e económicos da Galiza non vai vir de Madrid»

Néstor Rego avanzou propostas do BNG para unha saída social e xusta da crise, entre elas, recuperar o fondo de rescate bancario, reducir o gasto militar, impostos ás grandes fortunas ou nacionalizar as corporación dos sectores estratéxicos da economía.

O deputado defendeu a ruptura coa actual UE insolidaria e antisocial para poder construír unha Europa verdadeiramente social, democrática e dos pobos.

O deputado do BNG, Néstor Rego, por medio dunha Interpelación urxente á Vicepresidenta terceira e Ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, reclamou do Goberno expor as medidas previstas para garantir unha saída social e xusta á crise económica trala pandemia da COVID-19.

Néstor Rego insistiu en que “a crise social e económica desatada por esta emerxencia sanitaria non a poden pagar outra vez os mesmos, os traballadores e traballadoras e os pobos”. Neste sentido, Rego sinalou que existen dúas alternativas para obter e mobilizar os recursos económicos e financeiros necesarios para saír desta crise: “quitarllo aos que menos teñen pola vía de recortes, redución de salarios e prestacións sociais, privatización de servizos públicos, socialización de perdas de grandes empresas… Ou que os poñan quen máis ten”.

Frente á ausencia de propostas de futuro por parte do Goberno, o deputado nacionalista avanzou propostas que o BNG ve necesarias para poder afrontar a crise. A primeira pasa por recuperar a totalidade do diñeiro do fondo de rescate bancario, máis de 60.000 M€ en recapitalización dos bancos que non foron devoltos; que sumando o total das axudas entre activos tóxicos, garantías e outras medidas de liquidez, superaron os 186.000 millóns de euros.

Rego defendeu tamén a necesidade dunha profunda reforma tributaria “para implantar unha política fiscal realmente progresiva e redistributiva, para garantir unha maior xustiza tributaria” e, en concreto, estabelecer un imposto ás grandes fortunas e empresas, como xa está en debate en outros países como Arxentina ou Italia.

Ademais, o deputado do BNG aposta pola nacionalización das grandes corporacións dos sectores estratéxicos da economía, empezando polas que xa foron públicas e “que nunca deberon ser privatizadas” subliñou Néstor Rego, que acabou matizando que “non estamos falando de nacionalizacións temporais, eufemismo co que se envolve e adorna a vella receita neoliberal de privatizar as ganancias mais socializar as perdas”.

Para exemplificar a diferenza, Rego aludiu á previsión do Goberno de estabelecer “axudas” á compañía Iberia, polo que preguntou á Vicepresidenta en que condicións se fará. “Controlará o Estado a aeroliña ou simplemente se dedicarán recursos públicos esenciais para impulsar a protección social e a economía produtiva a resolver os problemas dunha empresa privada?”. O deputado do BNG enfatizou que se oporía a actuacións deste tipo e avogou polo control público das empresas nacionalizadas.

Entre as medidas propostas polo BNG destaca a redución urxente do gasto militar. O deputado nacionalista destacou que “é simplemente unha cuestión de prioridades”, tras apuntar que en 2019 o gasto neste ámbito superou os 20.000 millóns de euros. Rego cuestionou as prioridades deste Goberno, preguntando enfaticamente como “explicarán á maioría social, ás clases populares golpeadas por esta crise que primeiro van os tanques que os salarios ou as pensións dignas e comida na mesa”.

O deputado nacionalista mostrouse moi crítico coa actuación que a Unión Europea vén mantendo desde o inicio desta pandemia, sinalando que con ela “se retratou como o que é: unha estrutura profundamente antidemocrática e insolidaria ao servizo das oligarquías e, fundamentalmente dos Estados centrais”. Criticou tamén actuación do Goberno español polo acordo de 9 de abril e por renunciar a defender os coronabonos e a mutualización da débeda, “someténdose aos intereses que dominan as políticas europeas”.

Néstor Rego manifestou que unha verdadeira saída social e o impulso económico que permita desenvolver as inmensas potencialidades económicas da Galiza, pasa por que o noso País teña capacidade para decidir sobre os seus asuntos, polo que defendeu a necesidade de soberanía política para poder avanzar en dereitos e en benestar. “Por iso defendemos, tamén para garantir xustiza social e desenvolvemento económico, que é necesario que se produzan transformacións na estrutura política de Estado e que se recoñezan os dereitos das nacións para que poidan recorrer o seu propio camiño” explicou o deputado nacionalista.

Durante a réplica, o deputado do BNG fixo fincapé na preocupación existente entre as persoas autónomas polas incertezas que se abren após o Estado de alarma e a hipótese de que moitos negocios non poidan reabrir. Un escenario que tamén afectará a moitos traballadores e traballadoras, polo que preguntou ao Goberno que medidas pensa aplicar para garantir cobertura social.

Rego sinalou que hoxe a preocupación destas persoas, que na maioría aínda non cobraron a prestación é saber cando van cobrar. Mais advertiu que crece a preocupación polo futuro, diante da incógnita do que acontecerá cando cese a causa de forza maior mais non se recupere a actividade económica, polo que instou o goberno a actuar xa.

Por outra banda, o BNG cre que é urxente modificar o actual sistema de financiamento autonómico, gravemente lesivo para os intereses da Galiza,  para implantar un modelo de concerto económico que parta de que o noso País recade todos os impostos e teña a capacidade tamén para determinar o destino daqueles recursos que lle corresponden. “Se queremos capacidade para decidir é precisamente para poder non só reconstruír, senón construír unha sociedade nova, xusta, igualitaria e libre” salientou Néstor Rego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG