Congreso

Néstor Rego: «Rectifiquen, aínda están a tempo. Fagamos uns bos orzamentos para Galiza»

Durante a primeira sesión plenaria de debate dos Orzamentos Xerais do Estado, Néstor Rego instou os deputados galegos e galegas que forman parte dos partidos do Goberno para que rectifiquen e aproben os investimentos que necesita Galiza para acabar coa súa discriminación histórica.

O Bloque Nacionalista Galego criticou na primeira sesión plenaria de debate dos Orzamentos Xerais do Estado que a previsión de investimentos públicos previstos para 2021 é claramente discriminatoria para Galiza. O portavoz do BNG no Congreso, manifestou que os orzamentos presentados polo Goberno de coalición entre PSOE e Podemos, representan unha caída do investimento de 104 millóns en relación cos orzamentos de Montoro do ano 2018. “Estes son os peores orzamentos en 17 anos” sinalou.

Rego destacou que “este Goberno -que se autotitula o máis progresista da historia- castiga a todos os galegos e galegas baixando un 11% os investimentos cando global-mente soben máis do 68% e tamén o fan na maioría das Comunidades Autónomas, mesmo por encima do 45%. Por iso a pregunta é obrigada: Non lles dá vergoña, señoras e señores do goberno, tratar a Galiza peor do que o facía o  Partido Popular?”.

Durante a súa intervención, o deputado nacionalista interpelou de forma directa aos  deputados e deputadas galegas do resto de forzas políticas: “Non lles dá vergoña, votar en contra dos intereses do noso país?”. Concretamente aos deputados e deputadas das formacións que forman parte do Goberno. “Que dirá, Sr. Gómez-Reino aos seus votantes da Coruña despois de opoñerse a unha partida para a conexión ferroviaria co porto exterior? Que explicación dará Yolanda Díaz para estar en contra de rexenerar a ría de Ferrol -só 1 millón de euros- ou modernizar Navantia para poder crear máis empregos no naval, ou subir as pensións mínimas? Que dirá, Sr. Meijón, sobre o saída sur ferroviaria de Vigo?”.

O deputado nacionalista destacou que #ante a falta de argumentos usan a demagoxia como defensa dando informacións que non se corresponden coa realidade como que as obras de alta velocidade a Galiza xa están finalizadas, cando non é certo, ou que nos colocamos á beira doutras forzas dispares ao BNG na votación. Neste sentido, Rego lembrou que “o PSOE sempre vota con PP e  Vox para evitar unha Comisión de Investigación sobre os Borbóns. “Para protexer a corrupción da monarquía, non  teñen vostedes problemas. Para defender os intereses dos galegos e galegas, si”.

Rego criticou que os deputados galegos e galegas prefiran “agachar as orellas e asumir  submisamente os que deciden as súas direccións en Madrid, aínda que iso prexudique a Galiza”. Pola súa banda, o BNG manifestou que o seu único interese son os intereses de todos os galegos e galegas.

Ademais, o deputado Néstor Rego fixo mención doutras das súas emendas que serán hoxe sometidas a votación, como é a que pide a eliminación da taxa de reposición de efectivos, que permitirá ás distintas administracións públicas dotarse dos me-deus humanos que necesitan, especialmente en ámbitos como a sanidade ou a educación. Tamén destacou as emendas que pretenden cambios no sistema impositivo, baixando o IVE/IVE a bens e servizos básicos como a luz, ou os produtos de hixiene feminina e a actividades como o salón de peiteado ou a cultura, entre outras. Así mesmo, lembrou as emendas que pretenden corrixir o IRPF para que non prexudique aos emigrantes retornados que ven penalizados ao facer a súa declaración. Por último sinalou os seus prol-postas encamiñadas á subida das pensións mínimas, para mellorar de forma efectiva a súa capacidade adquisitiva, lembrando que as galegas son das pensións máis baixas de todo o Estado español.

“Rectifiquen, aínda están a tempo, e fagamos uns bos orzamentos para Galiza. Pola contra, van ter que dar moitas explicacións” subliñou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG