Néstor Rego reclamará no Congreso incrementar progresivamente as pensións mínimas até 1.150 euros

A derrogación da contrarreforma laboral, novas condicións para a negociación colectiva e incrementar as pensións serán aspectos prioritarios para o BNG no Congreso

Avoga por recuperar os dereitos perdidos baixo a escusa da crise económica e avanzar en novos dereitos que melloren a calidade de vida das persoas

O candidato do BNG ao Congreso, Néstor Rego mantivo un encontro en Compostela  cun nutrido grupo de persoas pensionistas ao fin de abordar as demandas deste colectivo ao que  trasladou o seu compromiso de defender no Congreso un incremento progresivo das pensións, até equiparalas ao salario mínimo interprofesional actual.

Rego avogou por recuperar os dereitos “perdidos e roubados”, baixo a escusa da crise económica e a  necesidade de avanzar en novos dereitos que melloren a calidade de vida das persoas. O candidato afirmou que o BNG reclamará no Congreso a “derrogación da contrarreforma laboral”, establecer outras condicións para a negociación colectiva e incrementar as pensións. Neste sentido, explicou, ás persoas asistentes ao encontro, que para asegurar novos dereitos é necesario “garantir un sistema público de pensións coa recuperación ordinaria da xubilación aos 65 anos e a parcial aos 61”.

Sobre a mellora das pensións avanzou que o BNG proporá no Congreso que as pensións no se vinculen exclusivamente ao factor de sustentabilidade senón que respondan  ao IPC e “a par do salario mínimo interprofesional”, e dicir, que un e outro acaden o 60% do salario medio español situado na actualidade en 1.150€. Este debe ser o obxectivo, recalcou, Rego, “ subir o salario mínimo e as pensións” medidas que reducirían  a “fenda de xénero” e a diferenza entre as pensión medias de Galiza e o estado.

Rego lembrou que as pensións en Galiza son as segundas máis baixas do estado e a pesar desa circunstancia, dixo, moitas familias só contan con eses ingresos para sobrevivir.

Tralo encontro con pensionistas, o candidato do BNG lembrou que os diferentes gobernos e  forzas estatais non tiveron en conta a realidade galega das pensións polo que fixo un chamamento a votar o 28 de abril por unha  forza que defenda no Congreso incrementar as pensións galegas, esa forza, aseverou, “é o BNG” e só votando ao BNG impediremos que Vox e Ciudadanos obteñan un deputado en Galiza.

Para o candidato, o voto ao BNG significa poñer freo a ultradereita e impedir que se sigan aplicando políticas lesivas como a referida ás pensións e ás  reformas laborais do  Partido popular e PSOE.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG