Néstor Rego reclama desbloquear a transferencia da AP-9 e liberala de peaxes

Néstor Rego
Néstor Rego

Sinala PSOE e PP como responsábeis das concesións ilegais e do atraso da tramitación para a transferencia da infraestrutura ao noso País.

Rego: “O que corresponde é transferir a autoestrada libre de cargas para a Administración galega e para todos os galegos e galegas”

O BNG aposta pola modernización da rede ferroviaria interna para conectar as principais vilas e cidades do País e ofrecer unha alternativa ao vehículo particular

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama a PSOE e PPP desbloquear a transferencia da AP-9 -paralizada desde que a 21 de setembro foi constituída a ponencia da lei-, e suprimir a concesión ilegal para que sexa unha autoestrada “galega e libre de peaxes”. A formación tamén demanda bonificacións para as usuarias e usuarios da AP-53, unha das máis caras do Estado, e urxe a modernización da rede ferroviaria interna da Galiza como alternativa de transporte público !eficaz e sustentábel.

O deputado nacionalista lembra que, desde que no mes de febreiro foi defendida e acordada no Congreso a admisión a trámite da Proposición de Lei do Parlamento da Galiza para a transferencia da AP-9, a tramitación desta lei sofre continuos bloqueos, primeiro coa prórroga inxustificada durante 14 semanas dos prazos de emendas e agora coa non convocatoria da ponencia, que foi constituída a 21 de setembro, hai case 3 meses.

Néstor Rego denuncia a actitude obstrucionista do Partido socialista e a actitude conivente do Partido Popular. “Fica claro que nin PSOE nin PP teñen interese en completar unha tramitación legal que debe concluír coa transferencia da infraestrutura á Administración galega. De facto, o PSOE presentou emendas para que a transferencia se limitase á xestión. Non hai razón para continuar demorando esta tramitación e para verificar a transferencia.

Por isto, Rego reclama ao PSOE, que posúe a presidencia da Comisión, que convoque de maneira urxente a ponencia para tramitar a Lei de Transferencia da AP-9. Ao mesmo tempo exixe ao Goberno que poña fin á concesión, unha vez que no mes de setembro a Unión Europea estabeleceu que as prórrogas  de 10 e 25 anos foran ilegais.  “Primeiro o PSOE e despois o Partido Popular prorrogaron de forma ilegal unha concesión que tiña que ter finalizado no ano 2013, que pagamos todos os galegos e galegas e que lastra o noso desenvolvemento social e económico.” enfatiza Rego, que destaca ademais que no proxecto de Lei aparece recollido que o Estado debe asumir todas as responsabilidades económicas  que corresponderen en función da súa propia actuación en relación coa autoestrada. “O que corresponde é transferir a autoestrada libre de cargas para a Administración galega e para todos os galegos e galegas” apunta.

Néstor Rego lembra que grazas á mobilización da cidadanía e á persistencia do BNG, que o incorporou ao Acordo de Investidura, hoxe están en vigor rebaixas e descontos nas portaxes, que alivian en parte a carga que supón para moitos usuarios e usuarias. No entanto, dada a decisión da UE, a obriga agora do Estado é pór definitivamente fin á concesión. “É máis, entendemos que a concesionaria debería devolver todas as peaxes cobradas ilegalmente durante estes oito anos, desde 2013 até hoxe”” reclama o deputado nacionalista.

Aliás, o deputado nacionalista reclama aplicar bonificacións e descontos nas portaxes da AP-53, a máis cara por quilómetro do Estado. “Cremos que tampouco é razoábel que a AP-53 non conte con ningún tipo de bonificación, algo que os usuarios e usuarias, ademais do BNG, veñen reclamando” explica o deputado no Congreso. Así mesmo, apuntou que a posición da organización frentista é clara ante a ameaza de implantar peaxes nas autovías. “Estamos en contra porque non existen alternativas de transporte público que permitan disuadir do uso do vehículo particular. Por iso estamos reclamando máis investimento do Estado para modernizar a nosa rede ferroviaria interna.” engade Rego.

Aposta pola modernización das infraestruturas ferroviarias

Onte mesmo producíase un incendio na liña do FEVE en Narón, “un exemplo máis de moitos episodios de fallos nunha liña que precisa unha urxente actuación”. De feito, no último Proxecto de Orzamentos para 2022, a formación nacionalista puxo o foco na modernización da rede ferroviaria interna da Galiza para solucionar estes problemas e o illamento de cidade como Lugo ou Ferrol  no que ten a ver coas conexións co resto do País.

Ademais, o BNG reclama a implantación das cercanías e a mellora dos servizos existentes en frecuencia, horarios e prezos. “Co comezo, o día 21 de decembro, do funcionamento AVE no tramo Madrid-Ourense, a mudanza de horarios proposta por Renfe vai prexudicar os usuarios e usuarias da liña Ourense-Santiago-A Coruña” explica o deputado do BNG. Rego adianta que os horarios propostos non son compatíbeis cos horarios laborais e, polo tanto, empeorarán a calidade do servizo estabelecido. “Hai que recuperar as frecuencias eliminadas por mor da pandemia e mesmo aumentalas, así como baixar os prezos -o tramo Ourense-Santiago posúe os prezos máis caros do Estado cando non é unha liña de alta velocidade- para facilitar un maior uso” sinala.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG