Néstor Rego reclama concreción a Ábalos sobre a aplicación das rebaixas nas portaxes da AP-9

O deputado do BNG no Congreso alégrase de que o Ministro de Transportes reafirme o compromiso de cumprir o pactado co BNG no acordo de investidura, mais exixe que se aplique de inmediato.

Na sesión de control ao Goberno, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamou ao Ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a aplicación inmediata das rebaixas e descontos nas portaxes da AP-9. Rego incidiu en que existen partidas necesarias nos Orzamentos de 2021 para aplicalas e lembrou que no acordo de investidura asinado entre BNG e PSOE se recollen varias medidas para abaratar os custos da autoestrada do Atlántico que aínda non foron aplicadas.

O deputado nacionalista denunciou que a AP-9 é hoxe unha das autoestradas máis caras do Estado español e unha das poucas con concesións de longa duración. Neste momento, só tres e dúas delas na Galiza: a AP-9 e a AP-53 Santiago-Lalín, neste caso até o ano 2074. 

Néstor Rego, lembrou que no Acordo de Investidura asinado entre o BNG e o PSOE foron recollidas varias medidas tendentes a abaratar o custo das portaxes na Autoestrada do Atlántico, “entre elas a bonificación do 100% da tarifa para usuarios recorrentes; a gratuidade do tramo Vigo-Redondela e o compromiso de eliminar o incremento de tarifas acumulativo durante 20 anos correspondente aos convenios de 2011 e 2013” enumerou Rego.

“Non se entende que o Goberno, no canto de nos anunciar que o 1 de xaneiro se comezaban a aplicar as bonificacións, nos anunciase un novo incremento de tarifas”, salientou Rego, que tamén afirmou que “non existen razóns obxectivas para que o Goberno continúe demorando a aplicación destas rebaixas e descontos, polo que cada día que pasa sen aplicar estas bonificacións afectan á credibilidade do PSOE e a do Goberno e cada día serán máis os galegos e galegas que pensen que non son vostedes de fiar, que non son un partido en que se poda confiar”. 

Após a resposta do Ministro en que reafirmaba o compromiso de cumprir o Acordo de investidura co BNG, o deputado nacionalista manifestou que se alegraba desa declaración, mais reclamou a Ábalos concreción nas datas en que comezarán a ser aplicados os descontos e rebaixas nas portaxes. 

“Non nos volva co conto de que as negociacións con AUDASA e a tramitación do decreto son moi complexas, porque tiveron un ano enteiro para negociar e preparar a tramitación. Cumpran e demostren que son capaces de facer honra aos seus compromisos” concluíu Rego.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG