Néstor Rego reclama ao Ministro Escrivá reverter os recortes nas pensións

Néstor Rego
Néstor Rego

BNG chama o Goberno do Estado a facer políticas “fiscais e sociais verdadeiramente de esquerdas e a mellorar as pensións públicas”

A formación nacionalista propón a suba das pensións mínimas até equiparalas co SMI e superar as fendas de xénero e territorial

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, alerta que as medidas aprobadas polo Goberno do Estado en relación coas pensións “non só non reverte, senón que consolida os aspectos máis lesivos e regresivos das reformas de 2011 e 2013”. Reclama ao Ministro que o executivo aposte en aplicar medidas “verdadeiramente de esquerdas” como a suba das pensións mínimas até equiparalas co SMI, creación de emprego, políticas públicas que favorezan a inclusión da mocidade no mercado laboral e  combate á evasión, a fraude e os paraísos fiscais.

Durante a comparecencia do Ministro de Inclusión e Seguranza Social, José Luis Escrivá, o deputado nacionalista lembrou que o BNG non apoiou as recomendacións do Pacto de Toledo e sinalou que tamén non apoia este acordo porque “non só non reverte, senón que consolida os aspectos máis lesivos e regresivos das reformas de 2011 e 2013. Particularmente o aumento da idade de xubilación a 67 anos; o aumento do cómputo de 15 a 25 anos, que supuxo unha caída na contía das pensións brutal de arredor de 25%; ou manter a penalización da xubilación anticipada. Aliás, mesmo se incentiva a permanencia no mercado laboral máis alá da idade legal e persisten ameazas como o chamado ‘factor de equidade interxeracional’ que substituiría o factor de sustentabilidade e que tería efectos similares” enfatiza Rego.

““Por que este goberno, como fixeron os anteriores, prefire actuar polo lado dos gastos, recortando prestacións, no canto de facelo polo dos ingresos?” pregunta Rego durante a comparecencia. “Reducir a xornada sen reducir salario para crear máis emprego, promover o emprego  xuvenil, aumentar os  salarios... Todo isto redundaría en maiores ingresos para a Seguranza Social” explica o deputado do BNG.

Penalizar a xubilación anticipada ou ‘incentivar’ a xubilación ‘demorada’, para alén de ser medidas inxustas, estabelecen unha dirección “claramente errónea”,  porque “dificultará aínda máis a incorporación da mocidade ao mercado laboral”. Con 40% de paro xuvenil e “no caso da Galiza cunha  emigración na última década de 300.000 persoas, máis de 10% da poboación do País, non parece unha medida sensata”, salienta Rego.

O deputado nacionalista criticou tamén o incumprimento do compromiso do Goberno de coalición de subir as pensións mínimas. “Véndennos como unha gran medida a revalorización das pensións co IPC mais esquecen o compromiso de subir a  pensión mínima até equiparala co Salario Mínimo Interprofesional e situar ambos  progresivamente en 60% do salario medio, como estabelece a Carta Social Europea. A suba da pensión mínima é fundamental para reducir a fenda de xénero e tamén a fenda territorial” subliña Néstor Rego. De facto, Galiza ten as segundas pensións máis baixas do Estado. Ourense é a provincia coa pensión media máis baixa, pouco por encima dos 800 euros. “É dicir, máis de 500 por baixo da media de Madrid e máis de 600 por baixo da provincia máis alta, Biscaia” enfatiza o deputado do BNG.

O deputado do BNG sinala que ademais, persisten ameazas como o ‘factor de equidade interxeracional’, que substituirá o factor de sustentabilidade e que terá efectos similares. “Vostede xa avanzou que suporá recortes para a xeración do  Baby boom.Despois matizou as súas palabras, como xa fixera no seu día coa proposta de aumentar o período de cómputo a 35 anos -o que suporía un novo recorte nas contías-, mais está claro que se trata de globos sonda de propostas que teñen a  vontade de aplicar se non detectaren grande contestación social”, alertou Rego.

O deputado avanzou que a contestación do BNG “e a de amplos sectores da clase traballadora galega” a van ter se non se reverten os recortes nas pensións. Rego remarcou que o BNG quere pensións dignas, e por iso instou o Goberno a mudar radicalmente a política de pensións: “a recuperar a xubilación ordinaria aos 65 anos, favorecer a xubilación anticipada con 40 anos cotizados e sen penalización  -mesmo na perspectiva dos 35 anos-, retirar os incentivos da xubilación demorada e subir as pensión mínimas, fomentar o emprego xuvenil e reducir a xornada laboral” enumera o deputado do BNG

“Melloren os salarios para tamén aumentar os ingresos e garantir a sustentabilidade do sistema” engade Néstor Rego, mentres sinala que o executivo tamén debe loitar contra a evasión fiscal, a fraude e os paraísos fiscais “cun cambio radical nas políticas fiscais para facelas máis progresivas. “Fagan políticas fiscais e sociais verdadeiramente de esquerdas e melloren as pensións no canto de recortalas” reclama Rego.

Por outra parte, o deputado nacionalista criticou tamén o procedemento para chegar ao acordo. “Vostedes presumen de que o acordo chega no marco denominado ‘diálogo social’, por certo, estabelecido ad hoc, frente ao que sería lóxico, o diálogo institucional nos organismos en que están presentes todas as centrais que teñen a condición de máis representativas, tamén a  galega CIG e a vasca ELA, ademais de CCOO e UXT” recrimina Rego. Mais -sinalou- a pesar disto, non ignoran que este acordo conta coa posición contraria das “plataformas de xubilados e de sindicatos como o maioritario no meu País,  Galiza, a CIG”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG