Néstor Rego reclama ao Goberno do Estado a recuperación da enseada de Meira

Meira (Moaña)
Meira (Moaña)

BNG rexistra no Congreso iniciativas para a rexeneración da liña de costa, rematando o proxecto iniciado coa recuperación do areal da Xunqueira, para continuar agora con Meira e a Illa de Samertolameu até unilo cunha senda peonil até o areal do Cocho.

O deputado nacionalista visita o Concello de Moaña e destaca o plan de mobilidade sostíbel posto en marcha polo goberno municipal.

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, rexistro varias iniciativas na cámara baixa para que o Goberno do Estado complete o proxecto iniciado no Concello de Moaña de rexeneración da liña de costa. Despois de acometer a recuperación do areal da Xunqueira, o goberno comprometérase a continuar coas obras de acondicionamento da Illa de Samertolameu e a enseada de Meira, ademais dunha senda peonil para conectar o porto co areal do Cocho, porén, a día de hoxe aínda non se fixo ningún avanzo.

Na visita ao Concello de Moaña, o deputado no Congreso estivo acompañado do deputado no Parlamento de Galiza, Paulo Ríos, a alcaldesa da vila, Leticia Santos, e parte do goberno municipal. Rego achegouse para manter un encontro con diferentes colectivos de Meira: a Asociación de Veciños “Novameira”, o club de xubilados, o club de remo, a Asociación de Veciños “Arros”, a Comunidade de Montes e o grupo folclórico Meiramar Axouxeres.

Antigamente a enseada de Meira era un inmenso areal que se unía ao da Xunqueira. Separando un e outro emerxía a illa de Samertolameu, fronte á cal se foi construíndo o barrio de casas de mariñeiros da Ribeira. A illa era un porto de abrigo natural e na mesma desenvolveuse unha pequena industria cordeeira e, para ter un mellor acceso, construíuse un muro en pedra por encima do areal. Coa construción da AP-9 nos anos 70 e a falta de lugares onde  verter os entullos das escavacións da ponte de Rande, encheuse unha gran parte da enseada, quedando todo o frontal marítimo deste barrio enchido e degradado durante moitos anos.

“A parte aterrada do frontal marítimo do barrio da Ribeira converteuse co paso do tempo nun lugar no que se acumulaban residuos mais, aos poucos, o  Concello logrou ordenar ese espazo degradado ata convertelo nun lugar inmellorábel para o lecer e gozar de actividades ao aire libre” explica o deputado, Néstor Rego. A día de hoxe, conta cunha zona de árbores, unha pista de tenis e un parque infantil que “fan que sexa un lugar moi concorrido e familiar ao que acoden persoas de toda a península do Morrazo e da zona de Vigo”.

Así mesmo, Rego lembra que os anteriores deputados do BNG no Congreso, Olaia Fernández  Davila e Francisco Rodríguez Sánchez, lograron o compromiso do Goberno para iniciar o proxecto de recuperación do litoral de Moaña, naquel momento totalmente soterrado polos entullos procedentes das obras de construción da AP-9. Deste xeito, “iniciouse a rexeneración da praia da Xunqueira, retirando o campo de  fútbol instalado encima do sistema dunar e ordenando a fachada marítima”. Esta foi unha das obras máis importantes para o  Concello de Moaña, pois “permitiu converter unha zona totalmente degradada nun lugar que integra á perfección a protección do medio natural e o seu uso como lugar de lecer polos veciños e veciñas”.

Tras acometer esa primeira fase do proxecto, quedou pendente realizar a segunda para a que chegou mesmo a consignarse unha partida orzamentaria que nunca chegou a executarse. “Agora resulta urxente completar as obras de rexeneración da enseada e acometer a recuperación da  Illa de Samertolameu, instalar un novo acceso en forma de ponte que permita pasar a auga, así como a ordenación de toda a zona enchida e a consolidación do espazo de lecer e a creación dunha senda peonil que una a illa co areal  do  Cocho” apunta Néstor Rego.

Esta obra engadiría un novo tramo ao plan de mobilidade sostíbel posto en marcha polo  Concello de Moaña “que converteu a esta localidade en referente na ría de Vigo por primar no seu deseño aos peóns e bicicletas sobre os coches”. Sumaríase así a outros proxectos xa desenvolvidos como a citada enseada da Xunqueira, o Camiño Real de Tirán ou os chamados camiños seguros nas proximidades dos centros educativos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG