Néstor Rego: "A presenza do BNG determinará o peso político de Galiza en Madrid"

Acto Oleiros
Acto Oleiros
Anunciou que esixirá  no Congreso a actuación urxente que poña fin aos problemas de tráfico e seguridade na Avenida das Mariñas en Perillo (Oleiros)
O candidato do BNG ao Congreso, Néstor Rego, defendeu na asemblea aberta que se desenvolveu esta tarde-noite en Oleiros que a presenza do nacionalismo galego no Congreso será determinante para "defender os nosos intereses e que Galiza teña peso político en Madrid". Ao seu ver, o restraso na actuación na Avenida das Mariñas tan necesario para a veciñanza de Oleiros, "é unha boa metáfora do pouco que contamos nestes últimos catro anos e medio para o goberno central".

O cabeza de lista do BNG ao Congreso, Néstor Rego, participou esta tarde noite nunha asemblea aberta que se desenvolveu  na Casa Charry de Oleiros na que defendeu a necesidade de que o nacionalismo galego teña presenza en Madrid porque, segundo dixo, "os últimos catro anos e medio demostraron o que supón a ausencia dunha voz valente e contundente na defensa dos nosos intereses e, para iso, abonda con botar un ollo aos números e comprobar como os orzamentos destinados a Galiza descenderon cando o BNG non puido facer valer a súa voz no Congreso".  Néstor Rego estivo acompañado no acto pola número dous da lista, Mª Xosé Bravo e o portavoz no concello, Fran Rei.

"Precisamos unha voz nosa en Madrid para defender os investimentos necesarios para podermos avanzar en calidade de vida e benestar", afirmou Néstor Rego ao tempo que denunciou a "pasividade e desidia" das forzas políticas que tiñan representación no congreso que permitiron unha redución histórica dos orzamentos destinados ao noso país. "Lembramos aínda que PSOE e Unidas Podemos votaron en febreiro a favor duns orzamentos de apenas 750 ME para a Galiza, apesar de seren os máis baixos en 17 anos en canto o monto global aumentaba e subía significativamente o investimento noutras comunidades autónomas", destacou Néstor Rego, dunhas contas que, segundo explicou "empeoraban aínda os ridículos orzamentos consignados polo PP en anos anteriores, moi lonxe dos máis de 2000 ME que conseguiu o BNG nos orzamentos de 2009 ou 2010 -dez anos atrás- cando os dous deputados que tíñamos eran determinantes para lograr a maioría".

Un BNG determinante

Néstor Rego apuntou tamén que o BNG "non permitirá de ningunha maneira que o país sexa ninguneado como foi nesta lamentábel lexislatura onde os nosos dereitos non foron escoitados, e isto non é unha opinión senón que está claro na comparanza das cifras".

Neste sentido, para Néstor Rego a demora e paralización do proxecto da Avenida das Mariñas que afectan directamente ás máis de 4.000 persoas que residen nese tramo e tamén aos máis de 80.000 vehículos que atravesan  a Nacional VI por Perillo é unha "metáfora da falta de peso político dos últimos anos, que permitiu que o Ministerio de Fomento deixara en papel mollado un proxecto xa licitado mais que non chegou a executar, a pesar das xa históricas demandas da veciñanza".

Por iso, prometeu que levará ao Congreso con carácter de urxencia execución do proxecto por parte do MInisterio de Fomento co fin de poñer fin aos problemas de tráfico e seguridade que padecen. "Non imos permitir que o proxecto fique no caixón como aconteceu coa Ría do Burgo que se redactou, licitouse e logo meteuse nun caixón até non se sabe cando", afirmou.

"Oleiros ten un importantísimo problema de mobilidade e padecemos como a histórica demanda para poñerlle solución nunha vía de titularidade Estatal como é a Nacional VI sigue se executarse, a pesar da reclamación social do proxecto de soterramento que, como todo o mundo sabe, saíu a licitación mais aínda non se iniciou", denunciou Néstor Rego na súa intervención que lamentou que o orzamento consignado no último orzamento "tan só chegue para o inicio das obras mais non para o remate dunha actuación tan necesaria".

"É inaudito que, a estas alturas, o Ministerio de Fomento continúe a facer ouvidos xordos a unha reclamación que dura máis dunha década nunha demora que é moi difícil explicar xa que a execución do soterramento suporía unha importante mellora para a poboación en calidade de vida, en humanización da vía e, o que é moi importante, en seguridade", manifestou no acto público de Oleiros ao tempo que lembrou que o goberno central só reservara unha partida par ao inicio da obra que non é suficiente para a súa realización "mais nin sequera chegou a iniciar a actuación con ese orzamento".
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG