Néstor Rego a Pedro Sánchez: “Cumpran os compromisos coa Galiza”

Néstor Rego
Néstor Rego

O BNG exixe rematar cos incumprimentos do executivo estatal e demanda ao Goberno un “xiro” en favor das maiorías sociais e das clases populares galegas.

O deputado nacionalista erixe o BNG en “muro de contención” frente ao auxe do populismo e a demagoxia reaccionaria: “non é facendo políticas que podería facer a dereita que se frea á dereita, polo contrario, ábreselle un camiño alfombrado”

Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, demanda durante o Debate de política xeral ao Presidente do Goberno que cumpra coa Galiza e execute da maneira máis rápida e áxil posíbel todos os compromisos adquiridos para solucionar os problemas que atravesa o País. O deputado nacionalista exixe un xiro para levar a cabo reformas estruturais, como a do mercado enerxético, que contribúan para controlar de maneira máis eficaz a suba dos prezos, xa que as medidas temporais anunciadas, aínda que “camiñan na boa dirección”, están lonxe de rematar co empobrecemento das clases populares galegas e do Estado.

O deputado nacionalista denunciou a ausencia da Galiza durante a intervención do Presidente do Goberno a pesar do contexto de grave crise social e económica que padece producida polo desmantelamento do sector industrial e de que a inflación na Galiza se sitúe xa en 11.1%, un punto por riba da do Estado.. “Non mereceu unha soa mención a pesar de que falou de proxectos industriais, plans de vivenda, infraestruturas e PERTEs dos que o meu País vaise beneficiar máis ben pouco” apunta Rego.

Esta ausencia, en opinión do deputado do BNG, está en consonancia coa desatención do Goberno do Estado polos problemas da Galiza. Un exemplo gráfico das prioridades do executivo estatal é a execución orzamentaria na Galiza de 67% nos orzamentos de 2021, que foron os máis baixos en 17 anos. “Tamén o seu desinterese en cumprir a totalidade do acordo de investidura -e non só unha parte-, especialmente en materia de infraestruturas e servizos ferroviarios” sinala.

De facto, entre as “medidas estrela” anunciadas onte durante o discurso do Presidente atópase a bonificación dos abonos ferroviarios de proximidade e media distancia de 100%. “Sabe cuantos galegos e galegas se van beneficiar no caso das cercanías? CERO, pola simple razón de que na Galiza non existe Cercanías;  e os de media distancia necesitan mellorar en frecuencias, horarios e prezos, de maneira permanente e non só até  31 de decembro” sinala Rego.

“O BNG reclámalle que cumpra coa Galiza: proxectos para reverter a grave crise industrial; garantir a capacidade produtiva, hoxe ameazada, na pesca ou o sector agrogandeiro; recuperar o atraso en infraestruturas e servizos; o rescate da concesión da AP-9; solución rápida á A-6; a resolución do problema dos emigrantes retornados con facenda; creación de tres xulgados de violencia de xénero; frear o boom eólico depredador; transferir as competencias pendentes, ou o respecto á lingua galega” enumera.

No relacionado coas medidas de carácter conxuntural e temporal anunciadas polo executivo durante a primeira xornada do Debate, o deputado nacionalista sinala que “está ben que a presión social os empurre na dirección do que forzas como o BNG reclamamos cando falamos de impostos á grandes empresas enerxéticas, á banca e ás grandes fortunas”, mais lamenta que a formulación sexa ambigua e xere dúbidas sobre como se vai aplicar.

“Falan de impostos temporais -ás eléctricas e ás entidades bancarias- sobre os beneficios extraordinarios. E cales son? Os escandalosos 11.000 M€ das enerxéticas do IBEX de 2021, son ordinarios ou extraordinarios? Sinceramente, non nos ofrecen moita confianza porque a súa credibilidade nesta materia tras a marcha atrás de 2021 frente ás ameazas do oligopolio eléctrico está en cuestión” asevera Rego.

A frente nacionalista defende a necesidade de levar a cabo reformas estruturais, como unha total modificación da regulación do sistema eléctrico e do mercado marxinalista, a creación de empresas públicas ou o estabelecemento dunha Tarifa Eléctrica Galega. Alén do máis, Rego defende que, de maneira inmediata e urxente, o Goberno debe topar o prezo da electricidade e dos combustíbeis aos consumidores finais, á conta dos beneficios das empresas.

Un “xiro” en favor das maiorías sociais

O deputado nacionalista salienta a prevalencia no que vai de lexislatura de “moitas sombras e menos luces das necesarias”, polo que o BNG é “moi crítico” con este goberno. “Nós nunca imos propiciar o acceso da dereita e da ultradereita españolista ao goberno, mais, se denunciamos as renuncias e incumprimentos de PSOE e UP é porque é a nosa obriga defender por encima de todo os intereses da Galiza e das clases populares, mais tamén porque nunca imos deixar o campo libre ao populismo e a demagoxia das forzas reaccionarias.”

Polo contrario, Rego sinala a responsabilidade das forzas do Goberno, porque “son vostedes os que decepcionan a propios e estraños e facilitan o avance da dereita, como xa constataron os últimos procesos electorais”. Neste sentido, Rego lembra que o Goberno español gusta de se denominar “o máis progresista” mais salienta que “non é progresista abrir a porta á privatización das pensións e anunciar novos recortes, non derrogar de verdade a reforma laboral do PP, manter en vigor a Lei Mordaza, non acabar coa impunidade do franquismo, aumentar o gasto militar en detrimento de políticas sociais, sumarse de maneira submisa ao belicismo da OTAN e os Estados Unidos, traizoar o pobo saharauí ou ceder ante o oligopolio eléctrico”.

Por iso reclama a Pedro Sánchez cumprir os compromisos coa Galiza e cos maiorías sociais e lémbralle que “non é facendo políticas que podería facer a dereita que se frea a dereita, polo contrario, ábreselle un camiño alfombrado” e acrecenta:  “o BNG vai derrotar o PP na Galiza. Si, ímolo facer! Se vostedes queren derrotar aquí Feixoo, imponse un xiro a favor das maiorías sociais, das clases populares dos pobos”, finda Rego

“A miña nación é a Galiza”

Rego comezou a súa intervención cunha aclaración sobre a denominación “debate do estado da nación”, que considerou pertinente. “A miña nación é Galiza. Se estou aquí, se o BNG está aquí, para alén de defender de forma permanente os intereses do noso pobo e da nosa xente, é para traballar por que máis cedo do que tarde o Estado da nosa nación non se decida aquí, en Madrid, senón que o poidamos decidir os galegos e galegas en función dos nosos propios intereses, de forma libre e soberana”. Por iso, sinalando que xa estamos nas vésperas do Día da Patria Galega, lembrou que o BNG “reclama a soberanía plena da Galiza”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG