Néstor Rego a Pedro Sánchez: “O BNG reclama, máis unha vez, unha Tarifa Eléctrica Galega, porque é de xustiza”

Néstor Rego
Néstor Rego

O deputado nacionalista propón un modelo de produción enerxética sustentábel, de ‘xeración distribuída’, frente aos máis de 200 proxectos macro eólicos que ameazan a Galiza

“Se soportamos os impactos sociais e ambientais é lóxico que podamos compensalos nalgunha medida cunha tarifa propia, máis baixa, que favoreza o conxunto dos galegos e galegas”, sinala.

Durante a sesión de control ao Goberno do Estado, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamou a Pedro Sánchez a implantación dunha Tarifa Eléctrica Galega por ser Galiza un País produtor excedentario de enerxía eléctrica e por soportar o enorme  impacto social e ambiental desa condición. Esta proposta, reivindicación da organización nacionalista, contraponse ao “modelo depredador” promovido polo executivo estatal e a Xunta de Galiza que carece de planificación previa e que se basea en “barra libre para as empresas”. Rego adianta que a aplicación desta tarifa galega beneficiaría aos cidadáns e cidadás galegas, mais tamén serviría para favorecer o desenvolvemento económico da Galiza, ao se veren beneficiadas tamén as empresas implantadas no noso territorio.

O deputado do BNG salientou que o modelo enerxético que está a promover o Goberno do Estado, pretende especializar de novo, como no franquismo, a Galiza na produción de enerxía eléctrica a gran escala e, en boa medida, para o resto do Estado español. “Xa hoxe 33% da electricidade producida no noso País, se envía para fóra. Un modelo depredador que carece de planificación previa e que se basea na barra libre para as empresas que elixen onde instalarse” explica Rego.

De facto, na actualidade, alerta o deputado do BNG, Galiza vese ameazada “con máis de 200 proxectos de macro parques eólicos de gran impacto que afectan non só a zonas de alto valor ambiental senón terras agrícolas, o noso patrimonio, cursos de auga ou os nosos mellores caladoiros, cun gran prexuízo para actividades económicas fundamentais en Galiza como a pesca, a agricultura ou a gandaría”.

Frente a este modelo insustentábel -porque ao impacto dos aeroxeradores hai que sumar as liñas de evacuación, de alta tensión, o transporte a 600 km e a perda de enerxía que nel se produce-  promovido polo executivo, Rego reclama un modelo de “xeración distribuída, sobre a base de produción a menor escala, con retorno social, sen impacto ambiental e próximo aos centros de consumo” demanda Rego.

Mais, para alén diso, o deputado nacionalista subliña que os galegos e galegas non se benefician desa condición de país produtor excedentario de enerxía eléctrica. “Por iso o BNG reclama, máis unha vez, unha Tarifa Eléctrica Galega. Porque é de xustiza que se soportamos os impactos sociais e ambientais podamos compensalos nalgunha medida cunha tarifa propia, máis baixa. Como, por certo, sucede en zonas produtoras doutros estados europeos”, sinala.

“Unha Tarifa Galega que non só beneficiaría os cidadáns e cidadás, senón tamén as empresas galegas e, por tanto, o desenvolvemento económico do noso país. Falan vostedes da excepción ibérica, pois entón, acepten a excepción galega” enfatiza o deputado do BNG.

Por outra parte, Rego lembrou a Pedro Sánchez o compromiso en relación ao Real Decreto 6/2022 “de recuperar a participación pública na tramitación dos parques e revisar a zonificación” e enfatizou que espera “que non fique entre un máis dos seus moitos compromisos incumpridos”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG