CONGRESO

Néstor Rego insta a tomar medidas de seguranza ante a chegada dun buque nuclear avariado á costa da Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego
O deputado do BNG pide o Goberno español a monitorizar en todo momento a ruta e as condicións do buque, prestándolle o apoio que necesite, pero evitando o acceso ás augas da costa da Galiza, así como o compromiso de que non utilizarán as rías galegas como porto de refuxio.
Néstor Rego insta a tomar medidas de seguranza ante a chegada dun buque nuclear avariado á costa da Galiza

O Bloque Nacionalista Galego solicitou ao Goberno español que garanta que o buque ruso Sevmorput, impulsado por enerxía nuclear e que se atopa avariado, non teña acceso ás augas da costa da Galiza así como, o compromiso de que non utilizarán as rías galegas como porto de refuxio, pois non existen garantías sobre a seguridade do barco.

O deputado nacionalista, Néstor Rego, advertiu que o buque ruso que se atopa de volta a San Petersburgo, situouse onte preto das Illas Canarias, nun custoso e lento percorrido en zigzag, prevéndose que se achegue á costa galega polo corredor de Fisterra que, neste momento, atópase en alerta por ventos de forza oito de compoñente sur e ondas de ata cinco metros de altura. “É intolerábel que despois de todas as catástrofes e desastres marítimos e ecolóxicos que sufriu Galiza, atopémonos unha vez máis mirando ao vento e cruzando os dedos” destacou Néstor Rego.

A formación nacionalista ve con preocupación que o barco sufra unha avaría total mentres circula polo corredor de Fisterra e que se iso coincide, como é habitual neste momento, cun forte temporal, os galegos e galegas deberán enfrontarse a un novo Prestige, ou  Casón -do que se cumpre este mes 33 anos-, Urquiola ou Mar Exeo, mais agora con risco nuclear.

#Ante o evidente risco, o BNG insta o Goberno español a poñer en marcha os protocolos de seguridade e actuación para evitar riscos e posibles desastres ecolóxicos que ameacen de novo aos ecosistemas mariños e costeiros, desprazando os medios necesarios de salvamento marítimo tendo en conta o risco nuclear da emerxencia actual. Rego salientou que “en caso de producirse unha contaminación de carácter nuclear na costa, esta afectaría non só á flora e fauna, senón tamén ás poboacións e persoas que vivan preto das mesma, pois non existe forma de conter a radioactividade e as consecuencias manteríanse durante décadas”.

“Debe lembrarse ademais, que aínda que as competencias de salvamento marítimo son estatais, a súa actividade debe ser coordinada e consensuada co Goberno da Xunta de Galiza en cuxo territorio se farán efectivas as actuacións e que deberá afrontar as eventuais consecuencias” sinalou Rego, que insta á súa vez, a que ambos os gobernos colaboren facilitando os medios de que dispoñen, podendo a Xunta achegar tamén os seus medios propios, aéreos e navais, adscritos ao Servizo de Gardacostas da Galiza.

Néstor Rego insta a tomar medidas de seguranza ante a chegada dun buque nuclear avariado á costa da Galiza