CONGRESO

Néstor Rego insta á Ministra de Traballo axilizar o pagamento das prestacións

Néstor Rego
Néstor Rego

O deputado transmitiu a preocupación de moitas familias afectadas por ERTEs que non cobraron en abril o de marzo e non saben se van cobrar no mes de maio.

O BNG ve urxente a modificación do Decreto-Lei 9/2020 para prohibir o despido, pasando a consideraralo nulo, en lugar de improcedente.

Néstor Rego insta á Ministra de Traballo axilizar o pagamento das prestacións

O Bloque Nacionalista Galego volveu a defender, como fixo  desde o primeiro momento, que a vía era prohibir de verdade o despedimento, regulando un permiso retribuído por deber inescusábel e apoiando economicamente o mantemento dos salarios. Así o defendeu de novo o deputado Néstor Rego -durante a Comisión de Traballo, Inclusión, Seguridade Social e Migracións-, asegurando que “era a solución máis xusta para os traballadores e traballadoras”.

Rego criticou que o Goberno optase por favorecer os ERTEs, que “implican unha perda de salario e vacacións para os traballadores e traballadoras afectadas”. Unha solución que, indica o deputado do  BNG, é aplicada no marco “dunha reforma laboral que a día de hoxe debería estar derrogada mais que o Goberno aínda mantén”.

Rego salienta que, por falta de previsión, estase a xerar unha situación dramática polo retraso na tramitación e, como consecuencia no cobro das prestacións. Afirma o deputado que “as persoas afectadas por ERTEs non cobraron en abril e non saben se van cobrar no mes de maio, xerando situacións dramáticas para moitas familias que viven ao día dos seus ingresos salariais”.

A xuízo do deputado do BNG “é necesario rectificar canto antes moitas das medidas adoptadas para garantir maior protección para os traballadores e traballadoras, especialmente para os sectores máis vulnerábeis”. Nese sentido, os nacionalistas ven urxente a modificación do Decreto-Lei 9/2020 para prohibir o despido, pasando a consideraralo nulo, en lugar de improcedente.

Rego considerou inadmisíbel que o “Goberno metese a man” no fondo de formación para pagar prestacións, en vez de optar por incrementar a fiscalidade das grandes fortunas e das grandes corporacións, que é o “que faría un goberno verdadeiramente progresista”, enfatizou.

Néstor Rego insta á Ministra de Traballo axilizar o pagamento das prestacións