Néstor Rego: “O Goberno debe manter unha actitude máis firme e decidida na defensa do sector pesqueiro”

Néstor Rego
Néstor Rego

O BNG reclama ao executivo estatal actuacións contundentes para paralizar a prohibición da pesca con arrastre de fondo en 87 caladoiros do Atlántico aprobada pola Comisión Europea

O deputado nacionalista critica a pasividade do Consello de Ministros ante esta decisión que suporá a perda de postos de traballo e capacidade económica na Galiza

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado e, en concreto, ao Ministro de Pesca unha actitude máis firme e decidida na defensa dos intereses do sector pesqueiro tras coñecer a decisión da Comisión Europea de prohibir a pesca con arrastre de fondo en 87 caladoiros do Atlántico. A organización nacionalista mostra o seu rexeitamento a unha decisión “que carece de informes científicos, medioambientais e dun estudo de impacto socioeconómico” e alerta das graves consecuencias que esta decisión terá para o sector pesqueiro galego.

Xa antes de que a decisión da Comisión Europea de prohibir a pesca con arrastre de fondo en 87 caladoiros do Atlántico fose firme, a organización nacionalista presentou unha batería de iniciativas en todas as institucións: Parlamento de Galiza, Congreso e mesmo Parlamento Europeo, para conseguir a rectificación do organismo europeo. O Bloque Nacionalista Galego xa alertaba antes do estío que esta decisión tería un “terríbel impacto negativo para o sector pesqueiro galego e reclamaba a rectificación do organismo europea”.

“É unha decisión inxusta e pouco racional porque non se sustenta en estudos científicos minimamente rigorosos que leven a concluír que esta prohibición é necesaria para manter a masa biolóxica” cualifica o deputado do BNG no Congreso. De facto, Néstor Rego entende que cando se trata dun asunto tan importante “é lóxico que existan informes científicos, ambientais e estudos de impacto socioeconómico”.

A pesar de non existiren informes, esta decisión, adoptada pola Comisión Europea, afectará de maneira importante á frota pesqueira galega que utiliza as artes de arrastre de fondo, traducida na redución a 25% das capturas. “Suporá perda de postos de traballo e perda de capacidade económica no sector para a economía da Galiza que representa, de maneira directa, 5% do Produto Interior Bruto” destaca.

“O Goberno español non está actuando coa debida contundencia. Debe plantarse diante desta decisión e, por iso, reclamamos ao executivo e ao Ministro de Pesca, en concreto, unha actitude máis firme e máis decidida na defensa dos intereses do sector pesqueiro do Estado español e do noso País” afirma Rego.

“É sorprendente que a Ministra de Traballo aínda non se pronunciase sobre este tema a pesar de que afectará de maneira directa ao emprego na Galiza. Mesmo o Ministro de Consumo, onte en Vigo, afirmaba que descoñecía o asunto e que era a primeira noticia que tiña cando esta é unha decisión firme da Comisión Europea desde hai días e unha decisión que se coñece desde antes do verán” recrimina o deputado do BNG.

Por último, a frente nacionalista agarda que, en novembro, mes en que a Comisión se comprometeu a ter novos informes “sexa revisada e paralizada esta decisión”. De non facelo, terá consecuencias “moi negativas para o noso País”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG