CONGRESO

Néstor Rego exixe un reparto xusto para a Galiza das vacinas contra a COVID19

Néstor Rego
Néstor Rego
O deputado do BNG no Congreso denuncia que en canto a poboación da Galiza de máis de 80 anos representa 8,2% da do Estado, o noso País recibe pouco máis de 5% das doses distribuídas polo Ministerio de Sanidade e reclama unha rectificación inmediata para poder inmunizar canto antes as persoas de máis idade.
Néstor Rego exixe un reparto xusto para a Galiza das vacinas contra a COVID19

Néstor Rego rexistrou unha iniciativa para exixir ao Goberno español que non discrimine a Galiza no reparto de vacinas contra a COVID-19 e reclama unha distribución xusta e equitativa, tomando en conta a realidade demográfica do noso País. A formación nacionalista lembra que rexistrou tamén iniciativas para instar o Goberno a adquirir todas as vacinas seguras e eficaces dispoñíbeis, primando a saúde e a vida fronte aos intereses económicos e xeoestratéxicos.

O BNG cuestiona os criterios empregados polo Goberno no reparto das vacinas destinadas á poboación de máis de 80 anos, que claramente prexudica o noso País. En canto na Galiza viven arredor de 8,2% das persoas con máis de 80 anos, o número de vacinas que lle foi asignado supón apenas 5% das vacinas distribuídas. Isto quere dicir que estamos a recibir 15.000 doses menos que as que corresponderían por poboación albo e implica que a inmunización das persoas deste segmento de idade demorará máis do que debería.

O deputado no Congreso afirma que as de AstraZéneca non poden computar nesta porcentaxe de vacinas enviadas neste momento xa que estas doses “non son aplicábeis a persoas idosas, polo que e están sendo empregadas para outros colectivos”.  Rego salientou que a Galiza conta cunha das poboacións máis envellecidas de todo o Estado,  e que urxe completar a protección de todas as persoas maiores de 80 anos canto antes por seren un colectivo vulnerábel e, por tanto, prioritario no proceso de vacinación. “Por iso non podemos aceptar nin unha dose menos das que nos corresponden”.

O deputado nacionalista trasladou esta reclamación directamente ao presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, na comparecencia que se produciu no Congreso nesta pasada cuarta feira. Nese debate, lembroulle tamén que “se a prioridade é salvar vidas, o lóxico é negociar con todos os laboratorios con vacinas dispoñíbeis para poder acelerar o proceso de vacinación” sen se limitar ás grandes farmacéuticas da UE ou dos países occidentais. Rego subliñou que “o ritmo actual de vacinación o Estado é inaceptábel” pois nesta altura a porcentaxe de persoas vacinadas non chega aínda a 3% de poboación, “o que só pode ser cualificado como fracaso”, polo que o instou a recapacitar e mudar a política de adquisición de vacinas.

Néstor Rego exixe un reparto xusto para a Galiza das vacinas contra a COVID19