CONGRESO

Néstor Rego: «O Estado ten que nacionalizar a planta de Alcoa para manter o emprego»

O BNG reclama decisión ao Goberno español –tamén ao galego- para iniciar a intervención pública para a nacionalización da planta de aluminio de San Cibrao.

O deputado nacionalista salientou que os intereses dunha multinacional como Alcoa non poden estar por riba dos intereses do pobo galego e do mantemento da actividade económica e dos postos de traballo.

Néstor Rego: «O Estado ten que nacionalizar a planta de Alcoa para manter o emprego»

Perante a finalización do prazo das negociacións para a venda da planta de aluminio de Alcoa a Liberty House sen acordo, o deputado do BNG no Congreso reclamou hoxe ao Goberno español decisión política para iniciar a intervención pública para a nacionalización da planta de aluminio de San Cibrao.

Néstor Rego salientou que, diante da evidencia de que Alcoa se nega a vender co fin de eliminar a competencia no Estado español, a única opción que queda é que as administracións públicas competentes  -goberno español e goberno galego- se poñan de acordo para unha intervención que consiga manter a actividade na Mariña e preservar a totalidade dos postos de traballo.

Néstor Rego destacou que os intereses dunha multinacional  norteamericana non poden estar por riba dos intereses do pobo galego e da manutención dunha actividade económica que é esencial no noso país e tamén para o mantemento dos postos de traballo. “Estamos a falar de máis de 1.000 empregos entre o cadro de persoal de Alcoa e as empresas auxiliares” sinalou.

“O fechamento de Alcoa suporía un impacto brutal para toda a economía galega e especialmente para a comarca da Mariña, polo que as administracións públicas teñen unha enorme responsabilidade  e a obriga de intervir.” advertiu o deputado nacionalista.

 

Néstor Rego: «O Estado ten que nacionalizar a planta de Alcoa para manter o emprego»