Néstor Rego defenderá no Congreso un estudo para conectar Lugo e Compostela en tren

Orzamentos Lugo
Orzamentos Lugo

Néstor Rego: “Lugo merece un tren digno que permita desprazarse polo territorio galego”

O BNG presentou emendas á conta do estado para mellorar as conexións ferroviarias de cercanías na Galiza

O Deputado do BNG no Parlamento do Estado, Néstor Rego, xunto co Portavoz do BNG e Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, presentaron a proposta do BNG para defender nos orzamentos do Estado un servizo ferroviario do século XXI que acabe coa discriminación que soporta a veciñanza de Lugo. Néstor Rego afirmou que “Lugo é a única cidade do país que non ten conexión directa por tren coa capital do país, un agravio que se resolvería cunha obra de 27 quilómetros de vía para conectar as paradas de Curtis e Ordes creando unha traxecto directo desde Lugo á Coruña”.

A proposta do BNG para os orzamentos do estado inclúe unha partida para realizar o estudo técnico desta intervención, “un paso adiante para comezar a mudar a situación e poñer a Lugo no mapa”, declarou Néstor Rego. Para o Deputado, “é necesario estudar a  electrificación e modernización da liña e dos trens da actual vía Lugo-Coruña”. Rego destacou que “é máis rápido chegar desde París a Londres que desde Lugo a Santiago, o que evidencia até que punto falta unha visión galega de como vertebrar o territorio por tren en lugar de pensalos para ir a Madrid”.

O BNG reclama do mesmo xeito a ampliación e mellora dos servizos ferroviarios no noso País e, particularmente, a implantación das cercanías en todas as áreas metropolitanas, para o que presentou una emenda de 100 millóns de euros. “Non se entende que a Galiza sexa un dos poucos territorios do Estado en que non existen servizos de proximidade representa unha discriminación do noso País que non ten ningún tipo de xustificación e que é preciso corrixir canto antes”, salienta Rego.

O BNG presentou emendas aos orzamentos para mellorar tamén as conexións de Lugo co resto do país por estrada. Deste xeito, desde a fronte nacionalista reclámase o remate da A-54, que conecta as cidades de Lugo e Compostela, o avance na A-56 para conectar Lugo con Ourense e “a rehabilitación do trazado da N-540, especialmente ao seu paso por Guntín,  onde o firme está gravemente deteriorado e o tráfico continúa a ser denso ao non haber vía de alta capacidade, o supón un grave perigo para todas as persoas que transitan diariamente por esta vía”, explicou Rego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG