Néstor Rego chama a participar masivamente nas mobilizacións do Día da Patria Galega

Acto Cangas
Acto Cangas
Néstor Rego reivindica en Cangas o papel do nacionalismo como forza que impulsa “unha Galiza con capacidade para decidir por si mesma”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participou no  acto público organizado pola organización nacionalista na vila de Cangas e chama a participar de maneira masiva na manifestación convocada o vindeiro 25 de Xullo en Santiago de Compostela. Rego reclama maior capacidade de decisión para definir o futuro da Galiza e reivindica o papel do nacionalismo galego. No acto tamén falaron a voceira do BNG na localidade, Merche Giráldez; a deputada provincial, María Ortega; o deputado no Parlamento de Galiza, Paulo Ríos; e a militante de Galiza Nova, Sara Piñeiro.

“Galiza sen límites” é o lema escollido polo BNG para a campaña do 25 de xullo para celebrar o Día da Patria Galega. Dentro deste marco, a formación nacionalista convocou un acto previo na localidade de Cangas para chamar a todas as persoas que “pensan que Galiza ten que ter maior capacidade para decidir o seu futuro e sobre os seus recursos”. Máis, neste contexto onde a formación nacionalista defende que este Día da Patria ten que traducirse como “unha contestación social ás políticas que se están a tomar no Goberno do Estado e na Xunta de Galiza e que prexudican os intereses dos e das galegas”.

“O nacionalismo é a forza que impulsa unha Galiza con capacidade para decidir por si mesma. Precisamos soberanía para pór todos os nosos recursos ao servizo da sociedade e favorecer o desenvolvemento social e económico” reclama Rego. Neste sentido, o deputado fixo un chamamento a confiar nas propias potencialidades do País para “mudar o presente e transformar o futuro”.

Acto Cangas  O deputado nacionalista lembra que se a Galiza tivera soberanía, tería a capacidade de intervir en todos os asuntos que lles afectan. Así, por exemplo, poderiamos actuar para mudar o papel de produtor de enerxía que foi asignado á Galiza desde a Ditadura franquista e rematar co espolio enerxético, “primeiro foron os encoros que asolagaron vales enteiros, logo as centrais térmicas e agora a instalación de muíños en terras produtivas e na costa afectando á pesca, mais sen prever un retorno xusto que compense o impacto ambiental e social da explotación eólica”.

Galiza debera ter a capacidade de ordenar o seu territorio e para iso precisamos unha rede de viaria e de ferrocarril que vertebre o país e as comunicacións internas, entre as cidades, e que conecte as nosas empresas co exterior. “Por iso seguiremos a reclamar a modernización das infraestruturas de comunicación do noso País, sobre todo a rede ferroviaria, un medio de transporte sustentábel co medio ambiente e que favorecería o desenvolvemento da Galiza” subliña Rego mentres lembra a oposición do BNG frente os plans do executivo estatal de implantar peaxes nas autovías, medida antisocial e antigalega ao non existir alternativas ao transporte por estrada. Sen esquecer a loita pola transferencia da titularidade da autoestrada AP-9 ou a rebaixa nas súas portaxes, pois o BNG seguirá a traballar para “conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG