Xerais 2019

Néstor Rego: “O 28A podemos rematar coa afonía de Galiza no Congreso e ter unha voz que a defenda da man do BNG”

Acto Arteixo
Acto Arteixo

Comprometese en Arteixo a utilizar os votos do BNG para reclamar no Congreso a condonación da débeda do Porto exterior e unha “solución definitiva” para Alcoa

O candidato do BNG ao Congreso por A Coruña, Néstor Rego participou hoxe no acto de presentación do candidato á Alcaldía de Arteixo, Xurxo Couto, xunto a número dous da candidatura ao Congreso, María Xosé Bravo. Rego afirmou que o “28 de abril temos a oportunidade de rematar coa afonía de Galiza no Congreso e  ter unha voz propia que a defenda”

Rego explicou  que  se non ficase claro ao longo de tres anos de ausencia dunha “axenda galega” nas Cortes, a mellor proba desa actitude submisa e dependente, de estar sempre máis preocupados por acatar as ordes que por defender intereses de Galiza, foron os Orzamentos do Estado para 2019, negociados por Podemos-En Marea co PSOE e votados a favor  destas forzas, a pesar de seren os peores orzamentos de investimentos na Galiza en 17 anos.

Por certo, engadiu  “nese proxecto de orzamentos os grupos de PSOE e Podemos-En Marea esquecéronse até de exixir para nós o mesmo trato que para  outros” . Por exemplo, o porto exterior de Punta Langosteira, a pesar de estar aínda ben recente a condonación da débeda do porto de Valencia, e, por tanto, establecendo un agravio comparativo en toda regra.

Eu comprométome como deputado a levar ao Congreso a “condonación da débeda do Porto da Coruña”, así como a execución do acceso ferroviario, absolutamente imprescindíbel  e tende a certeza de que “os votos do BNG son decisivos e utilizárelos para asegurar que isto ocorra canto antes”.

Ademais, estaremos a disposición dos veciños e veciñas de Arteixo para reclamar a execución xa da obra para evitar o paso de mercadorías  por Meicende, que tampouco “aparecía nos orzamentos” ou o compromiso de construír un centro de interpretación para musealizar os resto do Castro de Muras con cargo ao 1%.

O candidato nacionalista  asegurou que o BNG asume como prioridade buscar unha “saída definitiva  que dea estabilidade ás industrias electrointensivas e que poña fin a crise de Alcoa e Ferroatlántica para garantir os postos de traballo” pois a súa perda, reiterou, sería “un mazazo económico e social para Arteixo e a súa comarca”

 A número dous da candidatura ao Congreso por Coruña, María Xosé  Bravo apelou á forza do 8M para demostrar o vindeiro 28 de abril que as mulleres non estamos dispostas a renunciar a ningún dos dereitos conquistados ao longo dos tempos. As mulleres, afirmou, “non daremos un só paso atrás nas nosas conquistas”.  Bravo animou aos veciños e veciñas de Arteixo a apoiar ao BNG para que Galiza poda defender co BNG no Congreso “unha axenda galega”.

O candidato á Alcaldía de Arteixo, Xurxo Couto afirmou, “Galiza é o noso centro e equivócanse os que nos pensan como un recuncho alonxado”. Eu quero poñer a Arteixo no centro e cada vez comprobamos como cada vez máis persoas pensan no colectivo. “Somos un país rico e un concello rico” e aquí traballamos todos e todas para conseguir un Arteixo mellor. O que precisamos non o decide o PP nin o PSOE, temos que decidilo nós, as veciñas e veciños de Arteixo e a participación cidadá pola que sempre traballou o BNG. Cando gobernemos, todos e todas saberán que se fai cos seus impostos. Arteixo é un municipio cun gran potencial e non debemos padecer insuficiencias nos servizos básicos. No BNG sentímonos orgullosos do noso concello e da súa veciñanza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG