Na súa resposta ao BNG, Montoro elude totalmente o dique flotante para Navantia

O Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, fixo un auténtico exercicio de malabarismo na sesión de control desta mañá na que a deputada do BNG lle preguntaba polo dique flotante e o Ministro de Facenda non se referiu en ningún momento a esta infraestructura.

Despois de anunciar a SEPI que non se construirá o dique flotante en Navantia Ferrol, a pregunta de Rosana Pérez ao Ministro foi clara: “por qué razón descartaron a construcción do dique?”. O Ministro decidiu botar mán da ambigüedade nunha calculada oratoria na que non mencionou o dique en ningún momento: “O Goberno non descartou nada. Estamos traballando con forza e intensidade para que Navantia sexa competitiva”.

Enganaron á cidadanía con falsas promesas

A deputada do BNG acusou ao PP de “enganar á cidadanía galega na campaña electoral cando prometeu a construcción do dique flotante na Ría de Ferrol. Tomaron a decisión política de enganarnos porque foi a promesa estrela de Feijoó”.

Reprochou ao Ministro que “utilizasen esas promesas e incluso se atrevesen a tildarnos de anti patriotas aos que cuestionamos e desconfiamos da súas palabra”. Criticou que “nos fixeran perder o tempo creando unha Comisión de Estudo para a viabilidade do dique, coñecendo de sobra o veto da UE”.

“Só pasaron tres meses das eleccións galegas, e agora a SEPI anuncia o que xa o BNG sospeitaba na campaña, non haberá dique flotante. Rematan coas ilusións de miles de traballadores angustiados polo seu futuro, desentendéndose agora de todo”, enfatizou Rosana Pérez.

A deputada do BNG lembrou que os acordos entre a UE e o Estado español prohibiron construir buques civís a Navantia Fene. Os estaleiros de Navantia da Ría de Ferrol só se poden adicar á construcción naval militar e se atopan coas gradas valdeiras. “Están sometidos a unha nova e brutal reconversión coa perda de miles de postos de traballo”.

Rosana Pérez díxolle a Montoro que o dique que lle negan aos estaleiros públicos de Ferrol “existen noutras zonas do Estado, e noutros países da UE. Como sucedeu co Tax Lease, hai dúas varas de medir, unha para os estaleiros galegos sometidos a moitas prohibicións, e outra para outros estaleiros da UE”.

“Adoptaron decisión políticas en contra do noso sector naval, estratéxico para a nosa economía. Agora xa non valen máis promesas nen excusas de mal pagador. Tomen dunha vez por todas a única decisión política que pode ter efecto: asuman en serio as negociacións coa UE para levantar o veto que pesa sobre Navantia Fene. Deixen de mintir aos galegos e galegas e digan con claridade que decidiron pechar o noso sector naval, digan que Navantia non ten futuro porque o Goberno do PP decidiu claudicar ante a UE”.

RESPOSTA DE MONTORO

O Ministro de Facenda limitouse ás boas palabras dicindo que “pido ao BNG que se sume ao esforzo de que Navantia sexa competitiva”. Hai que dicer que Montoro utilizou o topónimo de “El Ferrol” en varias das súas mencións.

Montoro afirmou que as “negociacións coa UE avanzan, e gosto de informarlle de que chegamos a un acordo para que se aplique o Tax Lease en España”. En relación á carga de traballo de Navantia Ferol, indicou que “en marzo se van empezar a cortar chapas”. Concluiu coa mesma ambigüedade do inicio sinalando que “estamos a traballar para que “no Ferrol” haxa carga de traballo garantida para moito tempo”, máis nen unha palabra sobre o dique flotante.

 

http://youtu.be/UFRkqLcYd5g

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG