Unha multitude protagoniza o Día da Patria máis masivo

Unha multitude acudiu este Día da Patria Galega 12 á convocatoria do Bloque Nacionalista Galego. Unha marea humana a favor de rescatar os dereitos do pobo galego e non os dos banqueiros, a prol dunha Galiza soberana e contra as saudades neofranquistas do PP.

Máis de 20.000 persoas bateron todas as marcas previas e estabeleceron esta manifestación do Día da Patria Galega 2012 como a máis masiva da historia. Unha marcha inequivocamente a favor da conquista da soberanía e a favor tamén da insumisión contra a política de recortes practicada polos gobernos do Partido Popular, quer o estatal quer o galego.

O SOL INMISERICORDE NON ENRRUGOU A XENTE DO BNG

Petaba inmisericorde o sol sobre as laxes do casco vello de Santiago, mas nen por iso se enrrugou a xente que acudiu en masa á convocatoria do BNG. Moito demorou a marcha en completar o seu percorrido desde A Alameda até a Praza da Quintana. Á cabeceira aínda lle levou ben máis de tres cuartos de hora. Iria Aboi, secretaria xeral de Galiza Nova, estaba xa a presentar o acto político na estación termo da manifestación e miles de persoas aínda se achaban atuídos na Praza de Galiza.

Guillerme denuncia que o PP traballa para restaurar o vello modelo de Estado franquista

O BNG renovou ademais o formato do acto da Quintana. Non só tomaron a palabra os dirixentes do BNG -neste caso, o portavoz nacional e o candidato nacionalista á presidencia da Xunta, Guillerme Vázquez e Francisco Jorquera, respectivamente-, senón que tamén o fixeron 9 persoas en representación do que Iria Aboi cualificou como "a Galiza real", esa que nunca aparece nos telexornais da TVG.

Mozos parados, afectados polas preferentes, labregos, traballadores do ensino e da sanidade... A Galiza real expresouse sen mordazas, sen censura, e abofé que se sentiron arroupadas polo agarimo, o aplauso e a empatía do seu multitudinario auditorio.

Interviron, por esta orde, Isabel, traballadora de Mafeco, unha empresa afectada por un ERE; César, comerciante; Manuela Catoira, presidenta da Xunta de Persoal Docente de Coruña; Luciano, membro da plataforma de afectados/as do Morrazo; Elvira Lombao, presidenta da federación de ANPAS de Lugo e membro da Plataforma Galega en defensa do Ensino Público; Carme Aira, responsabel de CIG saúde e membro da Plataforma SOS Lugo; Pilar Bispo, labrega convencida da viabilidade do noso agro; Miguel Fernández, membro da Plataforma en defensa dos Servizos Sociais; e Lucía Vecino, estudante da USC

PLANTARSE ANTE EUROPA

Guillerme foi moi contundente na súa intervención, coa que clausurou o acto.

"Ou nos plantamos ante a Unión Europea, ante os especuladores e estes gobernos, ou haberá novos recortazos", alertou, "e serán máis cedo que tarde". Foi alén diso e advertiu que Rajoy xa prepara "unha nova baixada das pensións", un novo ataque contra os sectores sociais máis vulnerábeis.

"Isto non hai por onde collelo", resumiu graficamente a súa descrición da gravísima crise que atravesamos e das responsabilidades que nela teñen os gobernos estatal e galego e o imperio alemán que hoxe dirixe a Unión Europea.

Non hai por onde collelo. Vexamos: "Merkel dirixe co mando a distancia. Rajoy fai obediente os deberes. O Monarca chega de cazar elefantes e ´pide sacrificios´. Á gran patronal non lle faledes de pagar impostos, quere máis recortes. E a xerarquía católica, esa nin quere pagar impostos nin renunciar as xenerosas axudas públicas!!", pormenorizou, nunha relación que foi varias veces interrompida por aplausos. Tampouco esqueceu a Rubalcaba, de quen dixo que aínda está "decindido que quer ser de maior".

CON ESTA TROPA NON HAI SAÍDA

"E namentres, a prima de risco, os especuladores, ao seu. Non hai por onde collelo. Con esta tropa non hai saída", recapitulou.

Os dirixentes do PP -ao que cualificou de "marea negra" e de "chapapote tóxico"- non só atacan os dereitos sociais e o autogoberno, explicou Guillerme, tamén atacan os alicerces da propia democracia. E sempre coa crise como coartada.

"Queren reducir a Democracia a mínimos. Queren laminar o pluralismo e queren ante todo recuperar o vello modelo de Estado franquista", denunciou Guillerme.

INSUMISIÓN. CAMBIO DE RUMO. OUTRA UE.

Ante esta ofensiva antisocial, antigalega e antidemocrática non queda outra que a insumisión a prol dun cambio de rumbo radical, preconizou Guillerme, quen expresou que o BNG loita por outras políticas, por unha Galiza soberana e por outro modelo de Unión Europea.

O Goberno Rajoy é hoxe un goberno ilexítimo porque aplica un programa que ninguén votou. En termos democráticos isto só pode resolverse, clamou Guillerme, cun referéndum ou alternativamente coa demisión de Rajoy e a convocatoria de eleccións antecipadas

OS COMPROMISOS DO GOBERNO DO BNG

Antes de tomar a palabra Guillerme o fixera Jorquera, quen debullou os compromisos de goberno "que asume hoxe o BNG, ante todas e todos vós".

Con toda clareza, Jorquera manifestou que "o Goberno do BNG será insumiso cos recortes".

"Que se inteire Rajoy: o Goberno do BNG será insumiso cos recortes!", clamou, o que provocou unha cerrada ovación das miles de persoas congregadas na Quintana.

UN DIQUE CONTRA AS DESIGUALDADES

"O BNG asume hoxe, ante todas e todos vós, o compromiso de facer do Goberno galego un dique fronte ás desigualdades, un dique fronte á inxustiza, fronte á perda de democracia", dixo, ao tempo que, en nome do BNG, adoptou o compromiso de "construír o País dende o Goberno".

Como? Impulsando a "plena soberanía fiscal", dotando a Galiza dunha Banca Pública Galega que evite o espolio do noso aforro e avanzando con decisión cara á "soberanía real, cara á conquista do dereito a decidir" que como nación lle asiste a Galiza.

Jorquera alertou de que os centralistas do Partido Popular manobran para concentrar aínda máis tanto o poder político como o poder económico.

"QUE SUPRIMAN A AUTONOMÍA DE MADRID"

Os inventores do café para todos din agora, manifestou, que o Estado das Autonomías é "insostíbel".

Jorquera advirte a Rajoy: "Que se inteire, o Goberno do BNG será insumiso cos recortes!

Por unha vez, alegou, "estamos de acordo con eles". Se tan insostíbel é, dixo, "que supriman a autonomía de Madrid!!!! Pero a nós que non nos metan no mesmo saco, porque que queiran que non, Galiza é unha nación", enfatizou.

A VALENTÍA DO BNG FACE A COVARDÍA DE FEIJÓO

Para o candidato nacionalista, Galiza vive unha situación de "emerxencia nacional" a causa dunha crise xerada pola "barbarie neoliberal" e agravada "pola cumplicidade, a incompetencia, a falla de amor a Galiza dun presidente da Xunta indigno do cargo".

Na mesma liña, cargou contra Feijóo nestes termos: "Ao sr. Feijóo sóbralle o País, a súa mirada está posta en Madrid, a súa sumisión a Rajoy está a destrozar Galiza".

Feijóo é un "político insensíbel" que mide o "éxito da súa política" en ser "campión dos recortes" sen reparar en que estes levan a miles de persoas á cola do paro, a centos delas aos "comedores sociais", aos pensionistas a teren que pagar os medicamentos e a miles de mozas e de mozos a teren que emigrar.

FEIJÓO, COS DIRECTIVOS DAS INDEMNIZACIÓNS MULTIMILLONARIAS

"Feijóo é un político covarde. Forte cos débiles e sumiso cos poderosos", dixo Jorquera, e exemplificouno co feito de ter pactado no seu día cos directivos das caixas, os directivos das indemnizacións multimillonarias, ao tempo que virou as costas aos afectados pola estafa das participacións preferentes.

"Fronte á covardía de Feijóo é a hora das políticas valentes do BNG", recapitulou. Un BNG que sempre cuestionou a Europa dos mercaderes e que, desde que estourou a crise, advertiu que as políticas dos recortes lonxe de resolver nada ían agravar a situación e facela insuportábel para os sectores menos protexidos da poboación.

 

 

 

http://youtu.be/AOCFPpm2KQs

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG