Montse Prado: “A Xunta ten que pactar co sector medidas contra a venda ilegal de peixe no Porto de Vigo”

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado tamén reclamou a transferencia das competencias  dos portos de interese xeral

A deputada do BNG, Montse Prado preguntou hoxe ao goberno pola operación rexistrada a finais do 2017 no porto de Vigo ante unha trama de corrupción polo pago de subornos en especie aos inspectores portuarios a cambio de evitar o controis fiscais na venda de peixe e se lle parecen adecuadas as medidas tomadas, de maneira unilateral por López Veiga.

Como consecuencia da operación, explicou a deputada, a   Autoridade Portuaria de Vigo presidida por Henrique López Veiga acordou unha serie de medidas “para escenificar a loita contra o fraude e a venda ilegal de peixe” que en opinión da nacionalista, non gardan  que  relación coas aplicadas  noutras  lonxas  dependentes do Goberno galego. “As directrices de López Veiga non  foron consensuadas co sector, nin  debatidas no Consello Portuario”. Por outra parte engadiu que  as previsións de  formar a policía pesqueira en materias de competencia do Servizo de Gardacostas de Galiza “tamén  ser obxecto de conflitividade”.

Para a parlamentaria do BNG, o responsable do porto de Vigo está a actuar  “como elefante en cacharrería” e lonxe de solucionar un problema o está agravando.

O BNG, dixo,  considera que a Consellaría debería ter capacidade non só para nomear ao presidente da Autoridade Portuaria senón tamén para controlar a actividade, como mínimo a pesqueira e coordinar as lonxas porque non  é de recibo que en pleno século XXI o sistema nas lonxas dependentes da Xunta permita que o produto cando sae á primeira venda estea perfectamente identificado e nos portos de interese  non se acolla a esta condición.

Mais unha vez, explicou Prado,  a Consellería do Mar con competencias en ordenación do sector pesqueiro, descarga e primeira venda e  permite unhas medidas unilaterais que non gardan relación con outras que se levan a cabo noutras coñecidas lonxas do país e que dependen do  Goberno galego. Esta situación evidencia  “a falta de control  do Goberno galego das lonxas dos portos de interese xeral, de competencia do Estado, que son verdadeiros reinos de Taifas”.

A Xunta non ten competencias sobre os portos de interese  xeral como o de Vigo pero  tampouco as quere ter, e négase  sistematicamente a solicitar a súa transferencia.

“A actuación de López Veiga, insistiu a deputada,  está  a recoller unha dura resposta  de algúns  colectivos de armadores, ata o punto de denunciar que  medidas non foron consensuadas,  son desproporcionadas, irrealizábeis e suporán unha  maior carga de traballo e incremento do  custe”.

Algunhas das críticas a López Veiga están relacionadas coa obriga de  informar antes da chegada a porto cunha antelación suficiente ou indicar as cantidades descargadas, medidas  na mesma liña  imposta por Madrid, sen decatarse que moitos días están tan cerca de terra que lles resulta  imposible comunicar coa antelación suficiente ou que cando chegan a porto, moito do peixe aínda está sen escoller polo que remata a súa escolla  e clasificación no propio peirao.

“O desacordo con estas medidas unilaterais é tal que algún colectivo de armadores ameaza con desprazar as descargas a outros portos como Marín, Ribeira e a Coruña, e incluso de pedir o traslado do porto base dos barcos” recalcou a deputada.

Despois da destitución do Xefe de Explotación Pesqueira, semella que o presidente ameaza con tomar medidas para acabar coa suposta trama de venda ilegal adoptando medidas sen falar co sector nin coa consellaría competente na materia.

Por estas razóns, dixo, dende o BNG queremos saber que vai facer  o Goberno galego para reclamar  as competencias sobre os portos clasificados de interese xeral que están baixo o ámbito competencial do Estado español así como a súa valoración das medidas adoptadas pola Autoridade portuaria de Vigo e se van solucionar algún dos problemas do sector.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG