Montse Prado ve na lei de farmacia “unha oportunidade perdida” para regular a prestación integral deste servizo

Montse Prado
Montse Prado

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, cualificou de “oportunidade perdida” o proxecto de Lei de Farmacia presentado polo Goberno do PP, que superou o trámite de emendas de devolución co apoio en solitario dos populares. “Conclusión: é unha oportunidade perdida para regular de xeito integral a prestación farmacéutica onde o interese público non é dominante, e regula sobre todo os establecementos de farmacias, pero non ten quen conta a realidade do sistema sanitario público”, sintetizou tras o debate en pleno.

Prado salientou que o proxecto de lei céntrase case en exclusiva na regulación das oficinas de farmacia,  pero apenas entra a regular a prestación do servizo farmacéutico a través da atención primaria, dos centros hospitalarios ou directamente coas persoas usuarias.

“Ademais da sorpresa porque se leve catro anos de retraso na adaptación ao marco estatal, -indicou-, a inmensa maioría do que regula está referido ás oficinas de farmacia, dedican só tres artigos á prestación do servizo de farmacia en atención primaria, e a regulación do servizo en hospitais cinco artigos, o resto do articulado é todo para os establecementos de farmacias”.

De feito, Prado concluíu que o proxecto de lei presentado na Cámara “corrobora que a intención é a regulación case en exclusiva das oficinas de farmacia, que non digo que non sexa necesaria, pero non regula a atención sociosanitaria”, alegou. Ademais a portavoz de Sanidade considera “que se moderniza e se innova pouco”, e reprochou ao conselleiro de Sanidade que o texto presentado “pretende ampliar competencias das oficinas e dos e das profesionais farmacéuticas en detrimento do sistema sanitario público”.

A deputada por Pontevedra tamén criticou que o proxecto do Goberno “non establece a coordinación da información entre os centros sanitarios e as farmacias”, ao tempo que chamou a atención sobre o feito de que se aumente a liberalización destes establecementos privados que prestan un servizo público, xusto ao contrario do que se fai coa asistencia sanitaria.

“En atención primaria suprimen e reducen os horarios da prestación sanitaria ás persoas, e sen embargo nas farmacias si se adaptan ás necesidades da cidadanía, no público non hai adaptación, no privado si”, recalcou.

“Son o último elo da cadea sanitaria, preocúpanos a prevalencia dos titulares para a novas farmacias, a falta de adherencia, a falta de acceso a medicamentos a colectivos con dificultades, os excluídos da carteira de servizos. A dificultade de acceso aos tratamentos farmacéuticos e que a lei non garanta a prestación farmacéutica no medio rural, non pode ser o titular do establecemento quen determine que se dispensa e que non”, concluíu, tras anunciar o voto en contra do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG